Concurso de iluminación e decoración de Nadal de establecementos comerciais, vivendas e comunidades veciñais

| Inscricións ata as 14:00 horas do día 9 de decembro de 2024

Concurso de iluminación e decoración de Nadal de establecementos comerciais, vivendas e comunidades veciñais

Con motivo das celebracións das festas de Nadal, o Concello do Porriño convoca o Concurso de iluminación e deseño dos escaparates dos nosos establecementos comerciais e das vivendas situadas no noso concello.

O concurso ten por obxecto dinamizar a participación activa dos cidadáns e cidadás do noso concello, así como visibilizar e apoiar o noso comercio local, conseguindo así unha colaboración máis completa para infundir un ambiente de Nadal decorativo. Todo isto, baseado en valores como o traballo en común e a cooperación entre a veciñanza do noso concello.

O Concello do Porriño é consciente do emotivas que son estas datas, polo que queremos valorar o traballo e o esforzo, tanto dos nosos veciños e veciñas, coma dos comercios; así como darlle o protagonismo activo como fonte de desenvolvemento e intervención comunitaria na localidade.


Requisitos

Poderán participar as vivendas e os establecementos comerciais, hostaleiros e outros negocios empresariais que conten con establecemento físico e aberto ao publico. Todos eles terán que estar situados no termo municipal do concello do Porriño e as persoas inscritas deberán ser maiores de idade na data da inscrición.

Por tanto, este concurso contará con tres categorías:

  1. Establecementos comerciais. Neste caso valoraranse os escaparates e fachadas dos establecementos, que terán que ter un deseño arredor da temática do Nadal. No caso de que algún establecemento comercial non dispoña de escaparate valorarase a decoración da fachada do local comercial.
  2. Vivendas. Neste caso valorarase a decoración exterior da vivenda. Acéptase tanto a decoración dos balcóns, fachadas, ventás e toda aquela decoración que se poida ver dende fóra.
  3. Comunidades veciñais. Neste caso renuncian a un posible premio individual e valorarase a decoración exterior das vivendas, aceptando tanto a decoración dos balcóns, fachadas, ventás e toda aquela decoración que se poida observar no caso de que se poida ver dende fóra.

A decoración deberá ser realizada antes do día 11 de decembro e só se poderá presentar ao concurso un único proxecto por local comercial e por vivenda.

As persoas participantes disporán da súa propia iluminación e/ou decoración nas condicións que permitan visualizar claramente o espazo decorado no seu conxunto polo público en xeral.


Lugar e prazo de inscrición

A inscrición é totalmente gratuíta e poderá realizarse por rexistro ou mediante o envío do anexo correspondente ao seguinte correo electrónico:
rexistro@oporrino.org

O prazo de inscrición é ata as 14:00 horas do día 9 de decembro.


Condicións de participación

A decoración terá que ter relación coa festividade de Nadal e os motivos tradicionais desta, tendo os/as participantes plena liberdade en canto á técnica e ao estilo.

Os elementos decorativos do Nadal, no seu conxunto, deberán permanecer expostos durante o período establecido (do 9 de decembro de 2024 ata o 7 de xaneiro de 2025, ambos os dous incluídos).

Así mesmo, entre os días 9 e 13 de decembro todas as persoas participantes deberán enviar fotos ou vídeos dos seus escaparates, establecementos, vivendas etc., ao seguinte enderezo de correo electrónico: rexistro@oporrino.org

A inscrición e participación neste concurso implica a autorización ao Concello do Porriño para a publicación de fotografías e vídeos nas redes sociais, co fin de promocionar e dar publicidade ás actividades.

A participación neste concurso supón a aceptación íntegra das presentes bases e o sometemento expreso das decisións interpretativas destas, que efectúe a organización. Esta organización resérvase o dereito a descartar ás persoas participantes que incumpran as bases, e especialmente, calquera participación que vaia en contra destas.

Coa aceptación destas bases, os/as participantes comprenden os termos e condicións destas e comprométense a cumprir coa normativa vixente que poida resultar da aplicación a este respecto; de modo que, polo simple feito de participar no concurso, están prestando o seu consentimento a someterse ás bases e á legalidade de forma total e irrevogable.

A manifestación en contrario do/a participante, independentemente do momento na que se realice, implicará a autoexclusión do concurso e a liberación da organización de calquera compromiso adquirido coa persoa participante.

Calquera imprevisto non contemplado nas bases será resolto pola organización.


Premios e categorías de valoración

Establécense dúas categorías de valoración:

  1. Votación do xurado. O xurado valorará os escaparates en función do establecido no apartado sétimo destas bases. A votación do xurado terá unha ponderación do 80% para o cálculo da puntuación total.
  2. Votación popular. Expoñeranse as fotografías dos escaparates participantes nas redes sociais do Concello e estará habilitada dende o 16 de decembro ao 4 de xaneiro. Esta votación terá unha ponderación do 20% para o cálculo da puntuación total.

A contía dos premios será por categoría:

Categoría A: establecementos comerciais

  • Primeiro premio: 900,00 €
  • Segundo premio: 700,00 €
  • Terceiro premio: 450,00 €

Categoría B: vivendas

  • Primeiro premio: 400,00 €
  • Segundo premio: 250,00 €

Categoría C: comunidades veciñais

  • Primeiro premio: 400,00 €
  • Segundo premio: 250,00 €

Estes premios estarán suxeitos á retención do IRPF, de acordo coa lexislación vixente. O pago dos premios faráselle ás persoas ou entidades que figuren na inscrición mediante transferencia bancaria, que deberán presentar os seguintes documentos:

  1. Certificación bancaria que acredite a titularidade desta.
  2. Certificación de estar ao día coa Agencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia. Este documento poderá substituírse por unha declaración xurada.

Xurado

O organismo encargado da avaliación será o xurado composto por:

  • Un representante do Concello do Porriño.
  • Dúas persoas expertas especialistas en escaparatismo e decoración.
  • Un máximo de catro representantes doutras entidades, asociacións ou organizacións que queiran formar parte do concurso.

Polo tanto, o xurado estará conformado por un máximo de 7 persoas, que serán independentes e non estarán vinculadas ao concurso de forma directa.

O xurado e a organización resérvanse o dereito de declarar como “deserta” algunha das categorías ou de establecer un único premio se non se acada un mínimo de 6 participantes, ou se non se considera que existe un mínimo de “traballo e orixinalidade”.


Valoración

Para a valoración dos elementos decorativos do Nadal de cada establecemento ou casa, os membros do xurado terán en conta os seguintes criterios:

  1. Composición e deseño: avaliarase a estrutura e organización do espazo expositivo. A disposición debe ser equilibrada e permitir unha distribución visual atractiva e ben proporcionada entre os elementos, ademais de facilitar a comprensión da idea ou temática escollida. A composición debería transmitir orde e claridade.
  2. Calidade e harmonía: valorarase a coherencia entre os elementos empregados e a unidade estética da presentación. Os produtos e elementos decorativos deben estar ben seleccionados, contribuíndo a unha sensación de harmonía no conxunto. A calidade dos acabados tamén é importante, polo que se reflectirá coidado e atención ao detalle.
  3. Iluminación: a iluminación axuda a crear un ambiente adecuado e a resaltar os detalles da composición. Avaliarase o uso creativo da luz, tendo en conta a intensidade, a dirección e a cor, co obxectivo de destacar os produtos e de contribuír a unha atmosfera festiva e acolledora.
  4. Creatividade e orixinalidade: terase en conta a innovación e a capacidade de achegar algo único á exposición. Unha proposta creativa debería amosar unha visión orixinal, apartándose das ideas convencionais e sorprendendo ao público cun enfoque novo ou diferente do espírito do Nadal.
  5. Exposición dos produtos: avaliarase a organización e presentación dos produtos de forma que sexan accesibles e atractivos para o público. Os produtos deben estar dispostos de maneira ordenada, que facilite a súa visibilidade e que responda aos intereses das persoas observadoras. No caso de non poder contar co acceso directo do xurado a través da rúa ou portal, será obrigatorio enviar un vídeo detallado dos elementos decorativos. De non facelo, podería quedar descualificado/a, ao non poder verificar o traballo realizado.
  6. Coidado do medio ambiente, emprego de materiais de reciclaxe ou materias primas naturais: valorarase o uso de materiais reciclados ou naturais, como abeto, magnolio, tuia e outras especies vexetais respectuosas co medio ambiente. Avaliarase o emprego destes recursos de maneira sustentable, promovendo a conciencia ambiental a través dunha proposta de Nadal que combine a estética coa responsabilidade ecolóxica.

Estas bases de valoración permitirán avaliar as propostas tendo en conta aspectos estéticos, creativos e de responsabilidade ambiental, buscando un equilibrio entre a orixinalidade e a sostibilidade.


Puntuación

  1. Composición e deseño – 25 puntos
    Avaliarase a estrutura, organización e atractivo visual da composición.
  2. Calidade e harmonía – 15 puntos
    Valorarase a coherencia e unidade dos elementos, así como a calidade dos acabados.
  3. Iluminación – 10 puntos
    Avaliarase o uso creativo e funcional da iluminación, contribuíndo á atmosfera xeral.
  4. Creatividade e orixinalidade – 15 puntos
    Considerarase a innovación e o enfoque único na presentación da temática.
  5. Exposición dos produtos – 15 puntos
    Avaliarase a accesibilidade e visibilidade dos produtos. Se non hai acceso directo para o xurado, é obrigatorio o envío dun vídeo detallado dos elementos decorativos para evitar a descualificación.
  6. Coidado do medio ambiente, empregando materiais de reciclaxe ou materias primas naturais – 20 puntos
    Valorarase o uso de materiais sostibles, como abeto, magnolio e tuia, e a integración de prácticas respectuosas co medio natural.

A puntuación reflicte a importancia da composición e do compromiso co medio ambiente no deseño de Nadal. No caso de empate, o premio repartirase proporcionalmente entre as persoas gañadoras.

O veredicto do xurado darase a coñecer a través dos medios de comunicación, da páxina web do Concello do Porriño e nas correspondentes redes sociais. Ademais, será comunicado a través do correo electrónico e/ou chamada telefónica ás persoas e establecementos premiados.


Puntuación

O resultado será a suma do 80% dos votos do xurado e o 20% dos votos populares, que se dará a coñecer a través dos medios de comunicación, da páxina web do Concello do Porriño e das correspondentes redes sociais.

O día 5 de xaneiro daranse a coñecer os premiados e premiadas nun acto público que se celebrará ás 12:00 horas na praza do Concello ou no salón de plenos (esta localización poderá ser modificada).


Botón descarga as bases do concurso


Concurso de iluminación e decoración de Nadal de establecementos comerciais, vivendas e comunidades veciñais



Cabecera-web-ecultura.png