| Ata o 15 de novembro. 2026

1. OBXECTO
O Concello do Porriño, convoca o Concurso Fotográfico #ONosoEncontro, co obxecto de que as fotografías gañadoras recóllanse no Calendario do ano 2027 do Concello.
2. PRAZO DE INSCRICIÓN
O prazo de presentación de fotografías iniciarase ao día seguinte da publicación destas bases no taboleiro de anuncios municipal e rematará o 15 de novembro do 2026 ás 23:59 h.
3. CONDICIÓNS E REQUISITOS DE PARTICIPACIÓN
Poderán participar no concurso unicamente as persoas maiores de idade, é dicir, aquelas que teñan cumpridos os 18 anos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
Para poder participar, o usuario debe ser seguidor ou comezar a seguir a páxina de Facebook https://www.facebook.com/ConcellodoPorrino ou de Instagram https://www.instagram.com/oporrinoconcello.
O usuario participará neste Concurso Fotográfico a través da aplicación Easypromos subindo unha fotografía realizada no Concello do Porriño que represente a temática “O Noso Encontro”.
As fotografías deberán mostrar espazos de convivencia, reunión ou interacción social do municipio: prazas, rúas, parques, ríos, paseos, mercados ou calquera outro lugar que forme parte da vida social da veciñanza.
As imaxes seleccionadas formarán parte do Calendario 2027 editado polo Concello do Porriño.
O participante que presente unha fotografía en formato dixital a través da aplicación que non conte coa calidade suficiente para a súa reprodución en papel, deberá contar con esa imaxe en formato físico, e cedela de maneira temporal para o seu escaneo e posterior reprodución no caso de ser seleccionada.
O arquivo orixinal previo a calquera edición deberá ter un mínimo de resolución de 300 ppp a un tamaño de 300×200.
Non serán admitidas capturas de pantalla de fotografías, necesítase a fotografía no seu formato orixinal sendo os formatos admitidos JPEG, PNG ou TIFF.
A fotografía deberá estar realizada no Concello do Porriño.
As fotografías que non cumpran os requisitos anteriormente esixidos non poderán someterse a votación.
A fotografía deberá ser enviada en formato JPEG, PNG ou TIFF a través do formulario ao que se poderá acceder a través da web, Facebook e Instagram do Concello do Porriño.
O formulario atoparase dispoñible unha vez se seleccione o botón “Participar” do concurso.
A persoa participante encherá todos os campos do formulario de participación e todos os datos persoais que se requiran, sendo todos de carácter obrigatorio. Na descrición da imaxe poderá indicarse o lugar onde foi tomada a fotografía e unha breve explicación da súa relación coa temática “O Noso Encontro”.
Valorarase especialmente a capacidade da fotografía para transmitir convivencia, identidade local e vida comunitaria. A persoa participante proporcionará datos persoais exactos e postos ao día de forma que respondan con veracidade á súa situación actual.
Quedarán automáticamente fóra de concurso aquelas obras que fosen premiadas con anterioridade noutro concurso ou certame, ou non cumpran o estimado polas presentes bases. Asemade, a organización reservase o dereito de non aceptar fotografías que leven sinatura ou algunha outra marca identificativa.
4. MECÁNICA DO CONCURSO
O concurso requirirá para a súa celebración dun mínimo de 5 participantes, no caso de non alcanzalo suspenderase a súa celebración.
A votación das imaxes realizarase a través da páxina do concurso e da valoración dun xurado constituído por un comité de observación e valoración de premios, nomeado por resolución de Alcaldía, composto por unha serie de membros en número impar.
A votación comporase do resultado da suma das puntuacións do público e do xurado.
A valoración popular valorarase do seguinte xeito:
- A obra máis votada obterá 12 puntos
- A segunda obterá 11 puntos
- A terceira obterá 10 puntos
- A cuarta obterá 9 puntos
- A quinta obterá 8 puntos
- A sexta obterá 7 puntos
- A sétima obterá 6 puntos
- A oitava obterá 5 puntos
- A novena obterá 4 puntos
- A décima obterá 3 puntos
- A undécima obterá 2 puntos
- A duodécima obterá 1 punto
Se ningún participante obtén votos (0 votos ao final do concurso), realizarase un sorteo aleatorio a través da plataforma Easypromos entre todos eles para elixir aos 12 gañadores.
En caso de empate entre varios usuarios coa mesma puntuación, realizarase un sorteo aleatorio a través da plataforma Easypromos entre eles para elixir ao gañador ou gañadores.
Os nomes dos gañadores comunicaranse a través das contas en redes sociais do Concello do Porriño, Instagram, X e Facebook nos días seguintes á finalización do concurso.
Os usuarios que participen e os gañadores aceptan que o seu nome sexa publicado nos soportes que o Concello do Porriño estime oportunos (redes sociais e web do concello).
Establécense 4 categorías de premios para as 12 mellores fotografías dotadas coas seguintes contías:
- 500 € (cincocentos euros) para a foto que máis puntos obteña.
- 300 € (trescentos euros) para a segunda.
- 200 € (douscentos euros) para a terceira.
- 100 € (cen euros) para as nove seguintes clasificadas.
Os premios non serán acumulables en ningún caso. No caso de coincidencia en varios premios, concederase só o de maior importe.
A cantidade máxima destinada aos premios establécese en 1.900,00 euros, con cargo ao vixente orzamento municipal.
Os ditos premios estarán suxeitos ás retencións que se determine pola lexislación tributaria vixente e faranse efectivos mediante transferencia bancaria aos premiados.
Conforme ao disposto no artigo 11.h) do Decreto 11/2009 de 8 de xaneiro polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño de Subvencións de Galicia, aplicarase o sistema simplificado de acreditación de inexistencia de obrigas tributarias e fronte á seguridade social mediante a presentación de declaración responsable conforme ao modelo ANEXO I que se xunta ás presentes bases.
A participación neste concurso implica a autorización das persoas participantes para que o Concello do Porriño poida realizar as consultas e comprobacións necesarias ante os organismos correspondentes, co obxecto de verificar o cumprimento destes requisitos.
Ás persoas beneficiarias dos premios seralles requirida a documentación respectiva para poder facer efectivo o pago do importe dos premios.
Non poderán obter a condición de premiados as persoas ou entidades nas que concorran as circunstancias que permitan cualificalos como beneficiarios segundo o disposto no artigo 13 da Lei 38/2003 xeral de subvencións, no artigo 10 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e demais normativa aplicable.
Unha vez publicados os nomes dos 12 gañadores, contactarase con eles a través das redes sociais ou dos datos facilitados para facerlles entrega do premio.
As fotografías gañadoras serán as que conformen o Calendario do Porriño 2027.
As fotografías presentadas quedarán en posesión do Concello do Porriño e poderá utilizalas e reproducilas por calquera medio, sempre citando ao seu autor.
O xurado resérvase o dereito a declarar os premios desertos, se o estimase oportuno.
5. PROTECCIÓN DE DATOS PERSOAIS
O responsable do tratamento dos datos persoais facilitados polas persoas participantes é o Concello do Porriño, con CIF P3603900F e domicilio na Rúa Antonio Palacios, 1, 36400 O Porriño (Pontevedra). Os datos persoais recadados serán tratados de conformidade co Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016 (RXPD), e coa Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais.
A base xurídica do tratamento dos datos das persoas participantes é o cumprimento dunha misión realizada en interese público, de conformidade coartigo 6.1.e) do RXPD, en relación coas competencias municipais en materia de promoción cultural e participación cidadá, sen prexuízo do consentimento expreso que se solicite para a cesión da imaxe.
No caso de resultar premiada, os datos da persoa gañadora poderán ser tratados, ademais, co fin de comprobar que se atopa ao corrente das súas obrigas tributarias municipais, estatais e coa Seguridade Social, e que non é debedora á facenda municipal polo reintegro de subvencións, ao abeiro do cumprimento dunha obriga legal aplicable ao responsable, de conformidade co artigo 6.1.c) do RXPD, en relación co artigo 13 da Lei 38/2003, xeral de subvencións, e co artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
Os datos persoais facilitados serán utilizados unicamente polo Concello do Porriño para a inscrición no concurso, a xestión da participación da persoa interesada no mesmo, a comunicación cos participantes e, no seu caso, coas persoas gañadoras, así como para a xestión e pagamento dos premios. Non serán utilizados para ningunha outra finalidade distinta das indicadas nestas bases.
A participación no concurso require seguir as páxinas de Facebook e Instagram do Concello do Porriño, así como o uso da aplicación Easypromos para a inscrición e xestión da participación. Iso implica o seguinte en canto ás transferencias internacionais de datos:
O uso das redes sociais Facebook e Instagram para participar no concurso supón unha transferencia internacional de datos persoais fóra do Espazo Económico Europeo ao abeiro da Decisión de Execución (UE) 2023/1795 da Comisión Europea, relativa ao nivel adecuado de protección conforme ao Marco de Protección de Datos UE-EE.UU. (Data Privacy Framework), do que Meta Platforms é entidade adherida. Para máis información sobre o tratamento que Meta realiza dos datos, pode consultarse a súa propia política de privacidade.
Pola súa banda, o uso do aplicativo Easypromos para a inscrición, xestión da participación e votación non supón transferencia internacional de datos, xa que os datos son aloxados en servidores situados no Espazo Económico Europeo. Easypromos, S.L. actúa, respecto destes datos, como encargada do tratamento por conta do Concello do Porriño. Para máis información sobre o tratamento de datos realizado por Easypromos, pode consultarse a súa política de privacidade en https://www.easypromosapp.com/politica-privacidad-proteccion-datos/ e as condicións aplicables ao tratamento de datos como encargada en https://www.easypromosapp.com/terminos-y-condiciones/#rgpd.
As persoas participantes poderán exercer, en calquera momento, os dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición, limitación do tratamento e portabilidade dos seus datos, así como revogar o consentimento previamente prestado, dirixíndose ao Delegado de Protección de Datos do Concello do Porriño no enderezo dpd@oporrino.org.
Así mesmo, infórmase do dereito a presentar unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos (www.aepd.es) se se considera que o tratamento non se axusta á normativa vixente.
Para calquera outra información adicional sobre o tratamento dos seus datos por parte do Concello do Porriño, pode dirixirse á Casa Consistorial ou consultar a Política de Privacidade dispoñible en https://oporrino.org/informacion-sobre-proteccion-de-datos.
6. PUBLICIDADE
As presentes bases serán publicadas no taboleiros de anuncios municipal, nas redes sociais do Concello do Porriño e noutros medios de difusión que o Concello dispoña para xeral coñecemento.
7. PARTICIPACIÓN DOS USUARIOS E RESERVA DE DEREITOS
O Concello do Porriño resérvase o dereito a descualificar a calquera participante se existe calquera sospeita de uso fraudulento das ferramentas e na forma de participar no concurso. Por este motivo, poderanse tomar as medidas oportunas tales como, bloquear usuarios, descualificar contidos ou usuarios ou calquera outra acción que o Concello do Porriño estime oportuna.
O Organizador do concurso informa que comprobará a validez dos votos recibidos polos participantes do concurso mediante a ferramenta “Índice de Fraude” desenvolvida por Easypromos. A través desta ferramenta, o Organizador poderá saber, ao finalizar o período de participación, si o participante incorrera en prácticas fraudulentas co fin de obter máis votos. Si o valor do Índice de Fraude da súa participación é igual ou superior ao 100%, o Organizador resérvase o dereito de descualificar ao participante e declarar nula a súa participación.
O Concello do Porriño resérvase o dereito de modificación e borrado de calquera contido duplicado, erróneo, que se considere fora de contexto ou calquera outro criterio que o Concello do Porriño crea convinte.
O Concello do Porriño resérvase o dereito de suspender ou eliminar aquelas achegas ou comentarios que incumpran estas condicións.
A presentación de traballos neste concurso supón a aceptación íntegra das presentes bases. O incumprimento dalgún dos seus apartados levarían implícita a exclusión do concurso da obra presentada. Se as bases fosen modificadas a criterio da organización, comunicaríaselles oportunamente a todas as persoas interesadas.



