Coñece o teu Concello a través da lingua. Visitas guiadas ao Concello

| Días 27 abril, 25 de maio e 1 de xuño. 2026
| Casa Consistorial do Porriño » ver mapa
| Actividade concertada cos centros de ensino do Porriño

Coñece o teu Concello a través da lingua. Visitas guiadas ao Concello

Organizan: Concellería de Educación, Normalización Lingüística e a OMIX


O Concello do Porriño pon en marcha, a partir do mes de abril, as visitas presenciais ao edificio da Casa do Concello dirixidas ao alumnado de 3º de Educación Primaria dos centros educativos do municipio, e alumnado de Aceesca.

Estas visitas desenvolveranse nos meses de abril, maio e xuño de 2026 que a Casa Consistorial recibirá un total de 194 alumnos/as, repartidos/as nas seguintes datas:

  • 27 de abril de 2026
  • 25 de maio de 2026
  • 1 de xuño de 2026

Levaranse a cabo de 11:00 horas a 13:45 horas, cunha duración aproximada de 45 minutos por cada visita.

A Concellería de Educación e Normalización Lingüística e a OMIX organizan esta actividade en colaboración cos centros educativos co obxectivo de que o alumnado coñeza un pouco máis o funcionamento da Casa Consistorial, á vez que se dinamiza a lingua e cultura galegas. A concelleira de Turismo do Concello do Porriño, Vanessa Ucha Fernández, será a encargada de guiar o alumnado polo edificio do Concello para dar a coñecer a súa historia, as distintas salas e espazos, o organigrama dos departamentos e o seu funcionamento interno. O emprego de léxico administrativo galego, así como o desenvolvemento dun pequeno glosario galego-castelán de termos cotiáns dun concello, fan que as visitas guiadas teñan, unha vez máis, a lingua galega como o elemento catalizador. Deste xeito, as nenas e nenos do Porriño percorrerán os corredores das dependencias municipais, entrarán no salón de plenos, na alcaldía ou no balcón dende o que tradicionalmente se pregoa o inicio do Entroido, das festas do Cristo…, á vez que coñecen a importancia da lingua nunha Administración pública e o funcionamento do Servizo de Normalización Lingüística do seu Concello.

A concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Carolina González Costas, explicou que con esta iniciativa de portas abertas dirixida aos/ás escolares do municipio “estas actividades permiten achegar o Concello á cidadanía máis nova, fomentando valores como a participación, o respecto polas institucións públicas e o coñecemento do patrimonio local”.