Conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller

| Mércores 25 de novembro. 2020
| Iluminación da fachada do concello • Ás 19:00 h.
Manifesto institucional de toda a corporación
| Exposición fotográfica “Todas as mulleres en todas as partes do mundo”, do fotógrafo Emilio Rodríguez Otero • Rúa peonil

25 N do 2020

O Concello do Porriño a través da Concellería de Igualdade, leva a cabo unha serie de eventos enmarcados na conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Elaborarase un manifesto institucional de toda a Corporación Municipal, levarase a cabo unha exposición na rúa peonil, baixo o título “Todas as mulleres en todas as partes do mundo”, do fotógrafo Emilio Rodríguez Otero, e ás 19:00  h. do mércores 25 de novembro, iluminarase a fachada do concello coa cor violeta.


Manifesto do conxunto da Corporación do Concello do Porriño polo 25 de novembro – 2020

Botón descarga o documento


Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

O Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller conmemórase anualmente o 25 de novembro para denunciar a violencia que se exerce sobre as mulleres en todo o mundo e reclamar políticas en todos os países para a súa erradicación. A convocatoria foi iniciada polo movemento feminista latinoamericano en 1981 en conmemoración á data na que foron asasinadas, en 1960, as tres irmás Mirabal (Patria, Minerva e María Teresa), en República Dominicana. En 1999 a xornada de reivindicación foi asumida pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas na súa resolución 54/134 o 17 de decembro de 1999, entendendo por violencia contra a muller «todo acto de violencia baseado na pertenza ao sexo feminino que teña ou poida ter como resultado un dano ou sufrimento físico, sexual ou psicolóxico para a muller, así como as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria da liberdade, tanto se se producen na vida pública como na vida privada» e convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a convocar actividades dirixidas a sensibilizar á opinión pública sobre o problema da violencia contra as mulleres.

A violencia contra as mulleres converteuse nun problema estrutural. Diríxese cara ás mulleres co obxectivo de manter ou incrementar a súa subordinación ao xénero masculino. A súa orixe atópase na falta de equidade nas relacións entre homes e mulleres en diferentes ámbitos e na discriminación persistente cara ás mulleres. Trátase dun problema social presente tanto no ámbito doméstico como no público, en diferentes vertentes: física, sexual, psicolóxica, económica, cultural e outras, e afecta as mulleres desde o nacemento ata as mulleres de idade avanzada. Non está confinada a unha cultura, rexión ou país específico, nin tampouco a grupos específicos de mulleres na sociedade.4

O combate contra a violencia de xénero ten unha importante dimensión política, segundo especialistas de diferentes ámbitos. Entre as claves para loitar contra a violencia cara ás mulleres e avanzar na prevención, está a educación e unha resposta adecuada da xustiza que evite a impunidade. Alcanzar a equidade de xénero pasa necesariamente por «transformar as regras sociais» e os roles que subordinan á muller, segundo a directora rexional de ONU Mulleres para as Américas e o Caribe, Luiza Carvalho.

A forma máis común de violencia experimentada por mulleres a nivel mundial é a violencia física inflixida por unha parella íntima, o que inclúe mulleres golpeadas, obrigadas a ter relacións sexuais ou vítimas dalgunha outra forma de abuso. Entre as formas cotiás de violencia contra as mulleres, denuncia a ONU, atópanse tamén, entre outros, o tráfico de mulleres, a mutilación xenital feminina, o asasinato por causa do dote, o “homicidio por honra” e a violencia sexual nos conflitos.

Ata o 70 por cento das mulleres experimentan violencia no transcurso da súa vida.


Cabecera-web-ecultura.png