| Pleno especial infantil: venres 19 de novembro, ás 10:30 h., no salón de plenos municipal
| Conmemoración Día Universal da Infancia: sábado 20 de novembro. 2021
OMIX do Porriño, Concellería de Educación e Consello da Infancia e a Adolescencia do Porriño
O Día Universal do/a Nena/o, que se celebra todos os anos o 20 de novembro, é un día dedicado a todas as nenas e nenos do mundo.
É un día de celebración polos avances conseguidos, pero sobre todo é un día para chamar a atención sobre a situación das nenas e nenos máis desfavorecidas/os, dar a coñecer os dereitos da infancia e concienciar as persoas da importancia de traballar día a día polo seu benestar e desenvolvemento.
O Concello do Porriño, desde o ano 2018, ten o selo de Cidade Amiga da Infancia que outorga UNICEF e traballamos conxuntamente todo o ano para conseguir cambios reais na vida das/os nenas/o. O Día universal da Infancia é un momento clave para sumarnos a este chamamento mundial a favor da infancia e das/os nenas/os máis vulnerables.
Para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos da Infancia, celebrarase un pleno especial coa participación de nenas, nenos e adolescentes do municipio. O pleno celebrarase o día 19 de novembro, ás 10:30 h. no concello, onde acudirán unha voceira e un voceiro de cada centro de ensino, en representación de todas as nenas, nenos e adolescentes. En total participarán os dez centros do municipio; sete escolas, dous institutos e a asociación ACEESCA. A temática deste ano, seguindo as indicacións de Unicef, será Medio Ambiente. As persoas participantes xunto coas compañeiras e compañeiros do seu centro, están debatindo, reflexionando e preparando as propostas que presentarán no pleno para que o concello do Porriño sexa máis sostible e se adapte mellor aos impactos do cambio climático.
Ademais, a fachada principal e o lateral do edificio do concello estarán iluminados cunha cor especial con motivo deste día.
O obxectivo do Día Universal da/o Nena/o é recordarlle á cidadanía que as/os máis pequenas/os son o colectivo máis vulnerable e, polo tanto, o que máis sofre a crise e os problemas do mundo.
A Asemblea Xeral da ONU recomendou en 1954 destinar un día para fomentar a fraternidade entre as nenas e os nenos do mundo, así como promover o seu benestar con actividades sociais e culturais.
As Nacións Unidas celebran este Día Internacional da/o Nena/o en honor á aprobación da Declaración dos Dereitos da/o Nena/o en 1959 e á Convención sobre os Dereitos do Neno en 1989, o tratado internacional máis ratificado da historia.
Este día mundial recorda que todas/os as/os nenas/os teñen dereito á saúde, á educación e á protección, independentemente do lugar del mundo no que naceran.
Dedicarlle un día internacional á infancia tamén serve para facer un chamamento mundial sobre as necesidades dos/das máis pequenas/os e para recoñecer o labor das persoas que cada día traballan para que nenas e nenos teñan un futuro mellor.
O 20 de novembro é unha ocasión especial para que todo o mundo coñeza os dereitos da infancia e para recordar a importancia de traballar para conseguir o benestar de todas/os nenas/os do planeta.
Desde a OMIX, a Concellería de Educación e o Consello da Infancia e a Adolescencia do noso concello, queremos concienciar a veciñanza de que é un bo día para coñecer as distintas formas de colaborar coas/cos nenas/os máis vulnerables, para que os seus dereitos sexan recoñecidos e garantir o seu benestar e desenvolvemento.
Enlace ao pleno especial infantil
[ + info » ligazón externa ]
