| Mércores 8 de xullo. 2026
| Ás 10:30 h
| Praza Arquitecto Antonio Palacios » ver mapa

Deputación de Pontevedra
A xira de contacontos ilustrados e musicados “As letras de Begoña Caamaño”. Trátase dunha iniciativa cultural que chegará a 35 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para poñer en valor a figura da xornalista e escritora homenaxeada neste 2026 pola Real Academia Galega.
O contacontos, que terá lugar ás 10:30 horas na praza Arquitecto Antonio Palacios, está dividido en tres partes, nas que se alternará a narración da biografía de Begoña Caamaño, a realización dunha ilustración e de distintas interpretacións musicais. A continuación xerarase un debate arredor da figura homenaxeada nas Letras Galegas deste ano e rematarase cun obradoiro no que todas e todos os asistentes realizarán unha caricatura da autora.
Begoña Caamaño desenvolveu a maior parte da súa carreira profesional na Radio Galega, onde traballou nos servizos informativos e culturais e dirixiu programas como Andando a Terra ou Club Cultura, caracterizándose sempre por un xornalismo comprometido coa realidade social galega. Como escritora, acadou un gran recoñecemento con novelas como Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012). Ademais da súa faceta literaria e xornalística, destacou polo seu compromiso co feminismo, coa defensa da lingua galega e coa participación en movementos sociais.

