| Do 29 de abril ao 27 de maio . 2023
| Modalidade presencial e telemática
| Inscricións ata o 21 de abril
Concellería de Educación e OMIX do Porriño
O Concello do Porriño pon en valor a importancia da formación no sector da educación no tempo libre, dando cabida ás inquietudes da xuventude; á vez que aposta polo seu desenvolvemento profesional nun sector cunha importante demanda laboral, grazas ás diferentes actividades de ocio e conciliación que se realizan.
Desde a Concellería de Educación e a OMIX consideramos que unha boa formación é aquela que permite aplicar os coñecementos adquiridos ao día a día do labor dun profesional do tempo libre. Por este motivo, resulta indispensable ter presente o futuro, sendo primordial traballar cara á consecución dos obxectivos marcados na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible.
Con todo isto, e destacando esta aposta polo ocio educativo e o tempo libre, a través da ETL Avada Sociedade Cooperativa Galega, poñemos en marcha o curso homologado de monitor/a de tempo libre, oferta formativa de calidade que pretende acadar os seguintes obxectivos:
- Formar a mocidade na asunción da función de educadores/as no eido do tempo libre, encamiñando a formación cara ao seu desenvolvemento persoal e profesional.
- Achegarlles aos mozos e mozas as ferramentas necesarias para coñecer e asumir a formulación educativa, metodolóxica e pedagóxica da educación no tempo libre.
- Dotar os/as participantes dos coñecementos e recursos técnicos e didácticos necesarios para dinamizar as actividades dun grupo, colectivo ou movemento infantil e/ou xuvenil.
- Contribuír á mellora da empregabilidade e incorporación ao mercado laboral da poboación xuvenil.
Os contidos do curso impartiranse seguindo unha formación mixta que combina a docencia presencial e en liña. Trátase dun curso de 200 horas (neste caso combinando a formación presencial intensiva coa telemática) cunha fase de prácticas de 150 horas, para realizar unha vez rematada a parte teórica.
O alumnado que remate o curso obterá o título oficial de Monitor/a de Actividades de Tempo Libre e estará formado sobre como dirixir grupos de persoas menores ou maiores e dinamizar, coidar, entreter e sobre todo educar mediante as súas accións.
Este curso é requisito imprescindible para traballar en campamentos, conciliacións, granxas escola, ludotecas, parques de aventuras, obradoiros, extraescolares, centros socioculturais, establecementos turísticos…
Ata o próximo 21 de abril poderanse realizar as inscricións (daráse prioridade ás persoas empadroadas no Concello do Porriño) a través do seguinte enlace: www.avada.gal/etl/matl/porrino/
Descarga o cronograma do curso: [cronograma en PDF]
Máis información en: escoladetempolibre@avada.gal
Teléfono: 648 87 26 09