ACTUALIZACIÓN: nova incorporación ao programa
| Mércores 26 de marzo. 2025
| Ás 12:00 h
| Paseo do Louro » ver mapa
| Actividade concertada cos centros de ensino do Porriño
Organizan: Concellería de Educación e OMIX do Porriño
Dende a Concellería de Educación e a OMIX do Concello, cremos firmemente na importancia da educación ambiental para que as administracións e os axentes sociais sumen esforzos para mellorar e preservar o medio ambiente. Ao plantar unha árbore contribúese á protección do medio ambiente, polo que conmemoramos este día realizando unha actividade de repoboación forestal no Paseo do Louro do Porriño o 26 de marzo as 12:00h, co alumnado dos centros educativos do noso concello.
Nesta ocasión participarán na actividade os/as escolares que cursan o nivel de 3º 4º e 5º de Educación Primaria na nosa vila o alumnado de Aceesca, que fan un total de 171 participantes.
O obxectivo xeral desta actividade é concienciar os/as nosos/as escolares sobre a importancia das árbores na vida do planeta e sobre a necesidade de preservar o medio ambiente, e facerlles ver que estes heroes verdes contribúen a reducir a contaminación ambiental e climática xerada polo ser humano; protexen o solo e son fundamentais para acadar un desenvolvemento sostible, sendo imprescindibles para a vida.
Na actividade abordarase especificamente o papel fundamental que as árbores xogan na conservación do medio ambiente: liberan osíxeno e transforman o dióxido de carbono (CO2) en biomasa, reducindo o efecto invernadoiro. Son reguladores dos ciclos hidrolóxicos, contribuíndo a evitar inundacións. Evitan a erosión do solo, favorecendo o desenvolvemento da agricultura. Constitúen o hábitat de especies de plantas, aves, mamíferos, réptiles e anfibios. Nas zonas da selva contribúen a un ambiente húmido. Contribúen a regular o clima, reducindo os efectos do cambio climático xerado principalmente polo home. Son unha fonte de materia prima para a produción de medicamentos, alimentos, papel, combustible (madeira e carbón), fibras e outros materiais naturais como cortiza, resinas e caucho.
“O Día da Árbore é unha efemeride que lembra a importancia de protexer as superficies arboradas como forma de garantir que a vida no noso planeta siga sendo posible, e que é fundamental que as administracións apliquen medidas e políticas que contribúan a frear os efectos do cambio climático e da explotación forestal indiscriminada.
Considéranse os pulmóns do planeta. As árbores e os bosques purifican o aire e axudan a regular o clima. A súa importancia e impacto sobre o medio ambiente teñen un valor incalculable”, sinala dona Carolina González, Concelleira de Educación do Concello do Porriño.