Concerto de piano de Andrea García González e lecturas de Rosalía

| Mércores 23 de febreiro. 2022
| Ás 19:00 h
Círculo Recreativo e Cultural » ver mapa
| Entrada libre e de balde ata completar prazas

Concerto de piano de Andrea García González e lecturas de Rosalía

Celebración do Día de Rosalía de Castro


O Concello do Porriño , a través das concellerías de Normalización Lingüística e Cultura e en colaboración coa Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, preparou unha programación específica para celebrar o 185 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro.

Co fin de homenaxear a esta figura clave das letras e cultura galegas, recordar a súa labor e facer que siga presente para as novas xeracións, propón un programa de actos o 23 de febreiro, Día de Rosalía de Castro. Arrancará ás 19:00 h no Círculo Recreativo Cultural co concerto da reputada pianista, Andrea García.


Andrea García González

Día de Rosalía. Concerto de piano: Andrea García González

Nace en Ferrol en 1986 e comeza os seus estudos musicais á idade de 7 anos na Escola de Música Yamaha, e en 1994 entra no Conservatorio profesional de música de Ferrol, onde realiza os seus estudos de grao elemental e medio co profesor Genaro Fernández. En 2005 accede ao Conservatorio superior de música da Coruña , estudando cos profesores Reyes Rey e José Manuel Yáñez.

Recibiu clases de profesores da talla de Vladimira Smausova, Ricardo Descalzo, Iván Cítera, Madalena Soveral, Almudena Cano, José Ramón Méndez Menéndez, Constantin Sandu, Eldar Nebolsin, Andrej Pikul, Claudio Trovajoli, Olga Semúshina, entre outros.

En xaneiro de 2003 entra a formar parte do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, co que actuou por diferentes escenarios da xeografía española e portuguesa. Cantou baixo a batuta de directores da talla de Victor Pablo Pérez, Christopher Hogwood, James Ross, Rubén Gimeno, Joan Company, Marcelo Panni, Jose A. Trigueros, Vasily Petrenko, Fabio Bonizzoni, Alberto Zedda, e acompañada por orquestras como a Sinfónica de Galicia, a Real Filharmonía de Galicia, a Joven Orquesta Nacional de España ( JONDE), a Orquestra Sinfónica de Galicia ( OJSG) ou A Risonanza .

Durante este tempo recibiu clases de canto de Dolores Bosom, José Antonio Campo, Borja Quiza, Santiago Calderón e Yolanda Montussé. En 2008 é seleccionada como contralto solista para o ciclo de concertos Mozart en Xira. Completa a súa actividade coral colaborando con formacións como Madrigalia e Cantabile na Coruña, e Musica antiga e Ultreia e Thalassa na provincia de Pontevedra. Colaborou coa Orquestra Gaos e a Joven Orquesta Nacional de España ( JONDE).

Ao mesmo tempo exerce unha actividade concertística, tanto de música de cámara como de solista, por diferentes escenarios da xeografía galega.

En outubro de 2009 recibe unha bolsa ERASMUS para estudar na Amuz z Krakowie de Cracovia, coa profesora Romana Podzadecka.

En xullo de 2010 supera as probas da Escuela Superior de Música e Artes do Espectáculo (ESMAE) do Porto para estudar un master de interpretación pianística coa profesora Madalena Soveral.

Na actualidade realiza unha intensa actividade concertística como solista e co dúo Quodlibet (gaita e piano), creado en 2011, co propósito de fusionar a música tradicional e a académica. Compaxina isto co labor docente como profesora de piano e linguaxe musical e como profesora de iniciación á música no colexio Sagrado Corazón de Pontevedra.


Máis información sobre Andrea García González, na súa páxina web » ligazón externa



Lectura de poemas de Rosalía

Día de Rosalia de Castro 2022

Rosalía de Castro ensinou á sociedade da época, e á de hoxe en día, que as mulleres teñen voz e moito que dicir. Unha muller do século XIX que foi quen de marcar un punto de inflexión para o auxe do Rexurdimento, momento clave no eido literario e sobre todo, no político e no social.

Por iso dende o Concello decidiuse que foran mulleres as que puxeran voz aos versos da autora, en representación do tecido social da vila. Juana Pérez, presidenta de ACIPOR, Chus Barros do Club Ciclista SPOL, Chus Lemos e Beatriz Correa do Centro Cultural de Pontellas, Eva González do Club de Lectura do Porriño, Alicia Campos do Club Balonmán Porriño, Candela Carballas de Atrezo Teatro e a xornalista porriñesa, Icía Alcalde, farán unha lectura conxunta dun poema da autora.

Será en dúas quendas, unha tras o concerto de Andrea García e outra tras a actuación de Susana Seivane.

Lectura de poemas de Rosalía 2022

  • Alicia Campos, do Club Balonmano Porriño
  • Beatriz Correa, do Centro Cultural de Pontellas
  • Candela Carballas, de Atrezo Teatro
  • Chus Barros, do Club Ciclista Spol

Lectura de poemas de Rosalía 2022

  • Chus Lemos, do Centro Cultural de Pontellas
  • Eva González, do Club de Lectura da Biblioteca Municipal
  • Icia Alcalde, xornalista
  • Juana Pérez, presidenta de ACIPOR

Cabecera-web-ecultura.png