Día do Peregrino e do Turista

| Sábado 19 de setembro. 2026
| Todo o día
| Praza Arquitecto Antonio Palacios » ver mapa

Día do Peregrino e do Turista 2026

O sábado 19 de setembro, O Porriño prepárase para recibir peregrinos, visitantes e turistas coa celebración do Día do Peregrino e do Turista, unha xornada cun completo programa de actividades que se desenvolverá ao longo de todo o día en distintos puntos da vila, tendo como principal escenario a praza Arquitecto Antonio Palacios.

A programación comezará ás 9:30 h co roteiro «Un río, dous países, 10 experiencias», con saída desde o campo de fútbol O Rubal, na parroquia da Picoña. A actividade, cunha duración aproximada de entre 5 e 6 horas, estará guiada por Pablo Conde.

Entre as 12:00 e as 14:00 h, a Oficina de Turismo contará cun photocall a pé de rúa, no que peregrinos e visitantes poderán levar un recordo da súa passagem polo Porriño.

Pola tarde, ás 17:00 h, dará comezo a visita guiada «Ruta do Louro», con saída desde a praza do Concello e unha duración aproximada de hora e media, a cargo de Sheila González. Á mesma hora comezará tamén un obradoiro de chapas personalizadas e pintacaras, que permanecerá aberto ata as 20:00 h na praza do Concello.

A arquitectura tamén terá un papel protagonista coa visita guiada «Ruta Antonio Palacios», que partirá da Fonte do Cristo ás 17:00 h en castelán e ás 18:00 h en inglés. O percorrido, guiado por Miriam Souto, terá unha duración aproximada de 45 minutos.

A xornada completarase coa música de Music Box Band, que actuará entre as 18:30 e as 20:30 h na praza Arquitecto Antonio Palacios, poñendo o broche musical á celebración.

A inscrición nas rutas realizarase por orde de chegada ata completar o aforo máximo de 40 persoas. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar no 986 335 000, extensión 208.



Día do Peregrino e do Turista


Cartel Festas do Cristo2026