| Domingo 24 de outubro. 2021
| Praza Arquitecto Antonio Palacios » ver mapa
Cada 24 de outubro conmemórase en todo o mundo o Día Internacional contra o Cambio Climático. Unha celebración instaurada pola ONU, por mor dos grandes estragos que se están desatando no planeta debido ao cambio climático.
A fachada principal e o lateral do edificio do concello estarán iluminados cunha cor especial con motivo deste día.
O obxectivo principal é mobilizar e sensibilizar a persoas de todo o mundo acerca dos efectos do cambio climático e o grave perigo que leva consigo o quentamento global.
Segundo a RAE, trátase dun cambio previsible no clima terrestre provocado pola acción humana que dá lugar ao efecto invernadoiro e ao quecemento global.
Chámaselle cambio climático á variación global do clima da Terra. Esta variación débese a causas naturais e á acción humana e prodúcese sobre todos os parámetros climáticos: temperatura, precipitacións, nebulosidade etc., a moi diversas escalas de tempo.
Na actualidade existe un consenso científico, case xeneralizado, arredor da idea de que o noso modo de produción e consumo enerxético está a xerar unha alteración climática global, que provocará, á súa vez, serios impactos tanto sobre a Terra coma sobre os sistemas socioeconómicos.
Dende o Consello Municipal de infancia e Adolescencia, conxuntamente coa OMIX e a Concellería de Educación, propoñemos 8 medidas que podemos adoptar no noso día a día e que axudarán a frear o cambio climático:
- Reduce as emisións de CO2: colle a bicicleta, utiliza o transporte público, comparte vehículo…
- Aforra enerxía: utiliza electrodomésticos eficientes, non os deixes en repouso, axusta o termóstato…
- Pon en práctica a regra das 3R: reduce, reutiliza e recicla.
- Separa os residuos utilizando os contedores de diferentes cores.
- Aforra auga: dúchate en lugar de bañarte.
- Leva unha dieta baixa en carbono: compra alimentos locais e de tempada, reduce o consumo de carne, evita embalaxes innecesarias…
- Esixe medidas sostibles para a túa cidade.
- Reduce o consumo, preguntándote antes de comprar: realmente o preciso?