Día Internacional da Danza 2020

| 29 de abril. 2020

Día Internacional da Danza


Mensaxe do Día Internacional da Danza 2020
Gregory Vuyani MAQOMA, Sudáfrica, Bailarín, coreógrafo, docente, actor.

Gregory Vuyani MAQOMAFoi durante unha entrevista que tiven recentemente que pensei profundamente na danza.

Que significa para min? Na miña resposta tiven que analizar a miña viaxe e deime conta de que todo se trataba dun propósito e que cada día presenta un novo desafío que ha e que enfrontar e é a través da danza que trato de dar sentido ao mundo.

Estamos atravesando traxedias inimaxinables nun tempo que mellor podería describir como a era post humana. Máis que nunca necesitamos bailar cun propósito par a recordar ao mundo que a humanidade aínda existe. O propósito e a empatía deben prevalecer ao longo de anos e anos de innegable paisaxe virtual, de disolución que deu lugar a unha catarse de dor universal que invade a tristeza, a dura realidade que segue impregnando aos vivos e aos que se enfrontan á morte, o rexeitamento e a pobreza. A nosa danza debe máis que nunca dar un forte sinal aos líderes mundiais, a aqueles a quen se lles confía salvagardar e mellorar as condicións humanas de que somos un exército de pensadores furiosos e que o noso propósito esfórzase por cambiar o mundo paso a paso.

A danza é liberdade e a través dela debemos liberar aos demais das trampas que enfrontan en diferentes recunchos do mundo . A danza non é política, senón que se volve política porque leva na súa fibra unha conexión humana e polo tanto responde ás circunstancias no seu intento de restaurar a dignidade humana.

A medida que bailamos cos nosos corpos caendo no espazo e enredando xuntos convertémonos nunha forza de movemento tecendo corazóns, tocando almas e proporcionando curación que é tan desesperadamente necesaria.

E o propósito convértese nunha soa danza hidra, invencible e indivisible. Todo o que necesitamos agora é bailar ¡Un pouco máis!


En 1982, por iniciativa do Comité Internacional de Danza, foi proclamado pola UNESCO o 29 de abril como Día Internacional da Danza. A data escollida corresponde ao nacemento do bailarín e coreógrafo Jean-Georges Noverre.


Jean-Georges Noverre

Foi un bailarín francés que naceu o 29 de abril de 1727. Noverre, foi un gran bailarín e escritor, deixou numerosas coreografías e publicacións relacionadas coa práctica e a teoría do ballet, de aí que sexa considerado o creador do ballet moderno.

Debutou ante a corte de Luís XV en Fontainebleau en 1742, logo sería invitado polo príncipe de Prusia a Berlín. Ao regresar a París, uniríase ao ballet da Opéra-Comique e despois iría a Estrasburgo e Lyon, onde bailaría ata 1794.

En 1754 compuxo a coreografía do seu primeiro ballet Fêteschinoises (Os festivais chineses). Máis tarde sería profesor de danza na corte de Marie Antoinette e mestre do ballet da Ópera. Morreu en 1810 en Saint-Germain-en-Laye, Francia.


DOUS DESTACADOS PORRIÑESES NO MUNDO DA DANZA


Janet Novás

A nosa veciña formouse en danza contemporánea entre Madrid, Bruxelas e Berlín. No 2008 comeza creando e desenvolvendo os seus propios proxectos,  obras artísticas construídas desde a observación, a experiencia e o diálogo co seu propio corpo como principal ferramenta, facendo unha linguaxe propia  cunha sinxeleza na estética, núa que impacta pola súa carga emocional.

Desde os seus inicios conta coa colaboración do músico e compositor Haru Mori  e do coreógrafo e performer Ricardo Santana. A súas creacións máis destacadas son:“Cara pintada”, “Who will save me today” e “Si pudiera hablar de esto no haría esto” .

Estas obras artísticas presentánse nos prestixiosos festivais tanto nacionais como internacionais; Rencontres Chorégraphiques, Festival de Marseille, Festival Nouvelles-Pole Sud, Cement Festival, Dança en Transito, MOV_S, TNT Dansa, Festival de Otoño a Primavera, Escenas do Cambio y el Festival Bad entre outros.

Ao largo da súa carreira recibe varios premios, entre os que podemos destacar: Segundo premio de XXI Certamen Coreográfico de Madrid, unha beca para  danceWEBeurope 2008 (Viena), premio de Asistencia Artística ao Festival B Ḿ otion de Bassano del Grappa (onde xurde o proxecto Vuelo 6408 en colaboración con Sharon Fridman , Natxo Montero e Pisando Ovos) e o Premio InJuve 2011 con “Cara pintada”.

Como intérprete traballou para as compañías Lisi Estarás (Les ballets C de la B), Daniel Abreu, Pablo Esbert, PlayDramaturgia, Matarile Teatro, Provisional Danza, Pisando Ovos, Arrieritos, Megaló Teatro, Ertza , José Reches y Pedro Berdayes.

Amais tamén colabora con diferentes artistas como Ricardo Santana e Vicente Colomar na pieza “Las piernas” y “Black Noise”, Virginia Rota “Cadencia”, con Mercedes Peón e coa Cía. de teatro Voadora en  “El sueño de una noche de verano”.

E Janet Novás alterna o seu  labor como bailarina e  creadora co de profesora, impartindo clases e  talleres en diferentes centros de España, Europa, Latinoamérica e Asia.


Juan Antonio Carrera Figueroa

Juan Antonio Carrera Figueroa

Este veciño do Porriño, xa desde pequeno manifestou a súa paixón polo teatro, a música e a danza, e na Compañía teatral Xerpo, foi onde se iniciou formando parte do seu elenco .

Máis tarde no 2003 marcha a Madrid para continuar coa súa formación pasando por institucións tan prestixiosas como a Escola de Interpretación Cristina Rota, o Centro de Danza Carmen Senra, a Escola de acrobacias Fedriani, asiste a clases  de técnica vocal co profesor Óscar Mingorance, realiza estudos na (CEV) Escuela Superior de Comunicación, Imagen y Sonido.

Case ao mesmo tempo, desde o 2005, compaxina esta ampla e específica formación cos seus primeiros traballos en espectáculos musicais, tan relevantes como son: “Hoy no me puedo levantar”, “La sinerita y otros cuentos de Andersen”, “La gran aventura de Pinocho”, “On Broadway, “Magical”…

A súa traxectoria artística continúa da man dos espectáculos musicais para seguir crecendo como actor, cantante ou coreógrafo.

E na a actualidade, ante esta situación de alarma polo Covid19,  está colaborando cun  equipo socio-sanitario dun centro de Lavapiés.


AS NOSAS PROPOSTAS


Extracto de “Aínda”, produción do Centro Coreográfico Galego con coreografía de Amaury Lebrun.


O crebanoces de Chaikovski, produción do Centro Coreográfico Galego con dirección de Mercedes Suárez.


O mestre de baile tradicional Antonio Prado publica vídeos con leccións para aprender a xota e muiñeira. Poden verse máis clases na súa canle de YouTube.


“Ama” significa “muller de mar” en xaponés e é o título desta belísima curtametraxe gravada baixo a auga. Dirixido por Julie Gautier, filla dunha bailarina e dun pescador xaponés. Desta bela fusión, nace a súa maneira de mirar o mundo a través da arte.


O CINE DA DANZA E A DANZA NO CINE


Billy Elliot (Quero bailar): Billy, un neno de once anos dun pequeno pobo inglés que descobre a súa paixón pola danza en contra dos desexos do seu pai.


Cisne Negro: Unha bailarina empeza a perder o fráxil sentido da realidade cando unha compañeira recentemente chegada ameaza con usurpar a súa posición no papel principal de “O lago dos cisnes”.


Só nos queda bailar: Merab leva ensaiando desde que era moi novo na Compañía Nacional de Danza de Xeorxia coa súa parella de baile, Mary. De súpeto, a súa vida dá un envorco cando aparece o  despreocupado e carismático Irakli e convértese no seu rival máis poderoso, pero tamén no seu maior obxecto de desexo.


O Baile: Ettore  Scola (o director) percorre a historia de Europa do últimos cincuenta anos, mais concretamente a de Francia, a través da música e do baile. O que pretende é reflectir os cambios políticos e sociais, e as tendencias na moda, desde 1936 ata a actualidade. Toda a acción desenvólvese nun salón de baile e sen necesidade de diálogos.


Pina: Homenaxe de Wim Wenders en 3-D á bailarina e coreógrafa alemá Pina  Bausch, mestra da danza, nun documental que recolle principalmente os testemuños dos seus colaboradores.


E TAMÉN ESTÁN OS CLÁSICOS


  • Volve a min (Ginger Rogers e Fred Astaire), ano 1949. Dirección: Charles Walters
  • West side story, ano 1961. Dirección: Robert Wise, Jerome Robbins
  • Cantando baixo a chuvia, ano 1952. Dirección: Stanley Donen, Gene Kelly
  • Danzad Malditos, ano 1969. Dirección Sydney Pollack
  • Grease, ano 1978. Dirección: Randal Kleiser
  • Febre sábado noite, ano 1977. Dirección: John Badham
  • Vodas de sangue, ano 1981. Dirección: Carlos Saura
  • Footloose, ano 1984. Dirección: Herbert Ross
  • Flahsdance, ano 1983. Dirección: Adrian Lyne
  • Dirty dancing, ano 1987. Dirección: Emile Ardolino
  • La, la, la land, ano 2016. Dirección: Damien Chazelle

Aínda que estamos a vivir unha vida confinada nas nosas casas, a  mellor forma de celebrar este día é simplemente bailar. Gocemos do baile e da música. Intentemos bailar algo que nunca practicamos: salsa, rumba, tango, chachachá, tap, hip hop, etc. compartamos e expresémonos a través da danza.

E non esquezas compartir a túa experiencia en  Amosa a túa corentena!


Cabecera-web-ecultura.png