Actualización: nova localización
| Mércores 8 de marzo. 2023
| Praza Arquitecto Antonio Palacios Pavillón Municipal dos Deportes (pista 2) » ver mapa
Concellería de Igualdade
As Girl’s Gang, Noemí Fernández, Carla Lourdes e Mati darán un concerto na praza Arquitecto Antonio Palacios.
O Concello do Porriño segue apostando pola educación en igualdade para alcanzar unha sociedade máis xusta. Baixo esta premisa, a concellería de Igualdade, que dirixe Carolina González, presentou a súa programación conmemorativa do Día Internacional da Muller baixo o lema “Da man da educación cara a igualdade” na que os protagonistas son as futuras xeracións de porriñesas e porriñeses.
“As/os nenas/os educados dende pequenas/os sen distinción de xénero, incidindo nos valores do respecto e a igualdade, serán mañá esas/es adultas/os que defendan unha sociedade libre de comportamentos machistas”, explicou a a concelleira, “Por iso continuamos co traballo comezado o ano pasado centrado na infancia, un traballo continuo e transversal que non se limita a unha semana ao ano”.
Salientar neste sentido que o alumnado dos centros educativos do municipio estivo participando nos obradoiros Xénero Diverso, no que traballaron a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes a través dunha metodoloxía baseada no xogo. Como parte do mesmo, o mércores 8 de marzo, ás 18:30 h na praza Arquitecto Antonio Palacios no Pavillón Municipal dos Deportes, representarase a obra de teatro “Adiviña quen son”, que busca desmontar os roles e estereotipos de xénero tradicionais e ofrecer as ferramentas para camiñar cara unha igualdade real. “Con esta actividade buscamos crear un espazo de diversión con familias, alumnado e comunidade educativa, na que ademais se proxectará un vídeo de resumen dos obradoiros levados a cabo nos coles a fin de mostrar o traballo que realizaron durante todo o proxecto”, apuntou a concelleira.
A xornada do 8M continuará na praza coa lectura do manifesto e de seguido a música tomará o relevo da man de varias artistas, todas elas mulleres empoderadas que se fixeron cun espazo na industria musical. Ás 20 h subirán ao escenario Noemí Fernández, porriñesa finalista de La Voz Kids e gañadora do certame Tes Talento 22, Carla Lourdes, cantautora e compositora natural de Ponferrada cuxos temas superan 100.000 reproduccións en redes sociais, Mati, cantante nacida en México pero afincada na nosa terra que acaba de sacar o seu primeiro e pisa por primeira vez un escenario no Porriño, e as Girl´s Gang , a banda de mozas mosense que presentan neste evento o seu primeiro single propio, Kaos. Cabe destacar que todas elas visitarán o día anterior, 7 de marzo, os dous IES do Porriño para conversar cos mozos e mozas e animalos a que loiten polos seus soños e contarlles tamén as súas experiencias.
Ademais, dende as 12 h instalarase na praza Arquitecto Antonio Palacios no Pavillón Municipal dos Deportes o Punto Violeta, no que persoal cualificado ofrecerá información e asesoramento.
“Lamentablemente a desigualdade entre homes e mulleres segue a ser unha realidade en moitos ámbitos da vida e por iso é necesario que as administracións e todas os axentes sociais nos impliquemos. A igualdade de dereitos non só se debe asegurarse sobre papel, ten que garantizarse na práctica e por iso loitamos”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo, que convidou a toda a veciñanza a participar e implicarse nestes actos reivindicativos.