Día Internacional do Teatro 2020

| 27 de marzo. 2020

Día Internacional do Teatro 2020

Este venres, 27 de marzo, celébrase o Día Mundial do Teatro, celebración que este ano ten un significado moi especial debido á actual situación de excepcionalidade que estamos a vivir.

A Mensaxe deste ano, asínaa Shahid Mahmood Nadeem, xornalista paquistaní, dramaturgo, guionista, director de teatro e televisión, e activista de dereitos humanos:

O teatro como santuario

Ao final dunha representación da obra de teatro de Ajoka sobre o poeta sufí Bulleh Shah, un ancián, acompañado por un neno, achegouse ata o actor que interpretara o papel do gran sufí. “O meu neto non se atopa ben, podería bendicilo?”, dixo. O actor sorprendeuse e contesto: “Non son Bulleh Shah, só son un actor que interpreta o papel”. O ancián entón contestou: “Fillo, non es un actor, es unha reencarnación de Bulleh Shah, o seu Avatar”.

De súpeto, ocorréusenos un concepto completamente novo de teatro, onde o actor convértese na reencarnación do personaxe que interpreta.

Explorar historias como a de Bulleh Shah, historias como esta existen en todas as culturas e poden converterse nunha ponte entre nós, os creadores de teatro, e unha audiencia descoñecida pero entusiasta.

Mentres actuamos no escenario, ás veces deixámonos levar pola nosa filosofía do teatro, no noso papel como precursores do cambio social ás veces deixamos atrás a grande parte da comunidade.

No noso compromiso cos desafíos do presente, privámonos das posibilidades dunha experiencia espiritual profundamente conmovedora que o teatro pode proporcionar.

No mundo de hoxe onde a intolerancia, o odio e a violencia están en aumento, o noso planeta estase afundindo cada vez máis nunha catástrofe climática, necesitamos repoñer a nosa forza espiritual.

Necesitamos loitar contra a apatía, o letargo, o pesimismo, a avaricia e o desprezo polo mundo en que vivimos, polo planeta no que vivimos.

O teatro ten un papel, un papel nobre, debe dinamizar e facer avanzar á humanidade, axudala a erguerse antes de que caia nun abismo.

O teatro pode converter o escenario nun templo, o espazo de actuación, en algo sagrado. No sur de Asia, os artistas tocan con reverencia o piso do escenario antes de pisalo, unha antiga tradición na que o espiritual e o cultural estaban entrelazados.

É hora de recuperar esa relación simbiótica entre o artista e o público, o pasado e o futuro. Facer teatro pode ser un acto sagrado e os actores poden converterse nos avatares dos roles que interpretan.

O teatro ten o potencial transformador de converter a escena nun santuario e ese santuario nun espazo de actuación.

Instituto Internacional de Teatro ITI. Organización Mundial para as Artes da Escena.


Cabecera-web-ecultura.png