| Luns 24 de marzo. 2025
| De 10:30 a 12:00 h
| Praza Arquitecto Antonio Palacios » ver mapa
| En caso de choiva no Pavillón Municipal dos Deportes
| Actividade concertada cos centros de ensino do Porriño
Organizan: Concellería de Educación e OMIX do Porriño
A Concellería de Educación e a OMIX do Concello do Porriño, colaboran na actividade que levarán a cabo FCC Aqualia e o Consorcio de Augas do Louro o día 24 de marzo co motivo do Día da Auga 2025. Esta actividade vai destinada ao alumnado de 4º curso EP do CEIPP Antonio Palacios, CEIP da Cruz-Budiño, CEIPP de Atios, CPR Santo Tomás, CPR Hermanos Quiroga e CEIPP Xosé Fernández López e ACEESCA e desenvolverase na praza Arquitecto Antonio Palacios en horario de 10:30h a 12:00h. No caso de chuvia, a actividade trasladaríase ao Pavillón Municipal dos Deportes do Porriño.
Con esta actividade preténdese crear conciencia nos 186 alumnos/as participantes da importancia da auga para o noso benestar, así como pór en valor os ecosistemas e todos os seus compoñentes. Os obxectivos concretos desagréganse a seguir:
- Comprender a necesidade de aforrar auga ou de ser máis eficientes no seu consumo.
- Valorar a auga potabilizada e ser conscientes da sorte de tela dispoñible.
- Recordar o ciclo da auga, a súa procedencia, os puntos de acumulación e captación e o ciclo humano.
- Comprender que as augas residuais supoñen unha problemática se non hai unha xestión e unha depuración na súa devolución ao ciclo da auga.
- Coñecer as fases de depuración da auga para que chegue o máis limpa posible aos ríos.
- Comprender o poder das súas accións para facer máis eficiente o uso da auga e a devolución ao ciclo natural.
- Aprender mediante o xogo todo o anteriormente citado.
A relación de actividades que realizara o alumnado cos monitores é a seguinte:
- Tras a chegada da rapazada, realizarase unha presentación institucional, unha presentación da actividade, dos educadores e do proxecto do “Día da auga 2025”.
- Dividirase ao alumnado en subgrupos, co seu monitor-educador nun espazo concreto e cada educador fará unha presentación do ciclo da auga, explicará o seu ciclo natural e a importancia deste recurso utilizando fichas didácticas e xogos.
- A seguinte parte da actividade, supón a explicación da depuración da auga que chega a unha EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais), dende a entrada da auga, pretratamento, decantación primaria o procesado biolóxico, o UV ata a saída da auga. Cada un dos procesos será recreado mediante un xogo, fixando os diferentes conceptos no alumnado, de forma lúdica e dando a coñecer o seu funcionamento.
- Cada alumno/a realizará nunha folla a explicación do seu “compromiso coa auga”, que levará para a súa casa co obxectivo de tomar conciencia do necesaria e importante que é e implicar tamén á súa familia. Por último, realizarase unha proba de medición de cloro das augas, para ensinarlle ao alumnado a parte química e que comprendan que na auga existen compostos que axudan á súa potabilidade, contribuíndo a crear unha forma de vida máis eficiente.
- Por último realizarase unha pequena actividade que peche as dinámicas e sirva como despedida dos/as educadores/as.
Participan nesta actividade un total de 186 alumnos/as e 17 mestres.