| Luns 15 e 29 de abril, e 13 de maio. 2024
| Ás 18:00 h
| Biblioteca Municipal » ver mapa
| Entrada libre e de balde ata completar prazas
Organiza: Biblioteca Municipal do Porriño
O club de lectura da Biblioteca Municipal do Porriño volve celebrar este ano o Día do Libro e o Día das Letras Galegas dun xeito moi especial: con varias actividades en aberto que enlazarán as dúas festividades, a do 23 de abril e a do 17 de maio, nun programa que leva como título Do Libro ás Letras. Calquera persoa interesada está convidada a unirse ao club de lectura os luns 15 e 29 de abril e 13 de maio na biblioteca, en horario de 18.00 a 19.30 horas, nuns encontros especiais que porán en valor tanto os libros como a riqueza do mundo das letras.
Neles, as persoas asistentes poderán participar e compartir o amor polos libros a través de lecturas conxuntas, recomendacións, xogos e retos literarios, así como coloquios arredor de anécdotas e inquedanzas relacionadas co mundo das letras, e achegaranse tamén á figura e á obra da autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, Luísa Villalta.
O club de lectura volve celebrar en 2024 este programa especial de actividades, que complementa os seus encontros regulares e que se abre a calquera persoa interesada en participar nel. Do Libro ás Letras está organizado pola Biblioteca Municipal e a coordinadora do club, Ana Abad de Larriva, en colaboración coas participantes, e tivo xa moi boa acollida en anos anteriores.
A información destas actividades especiais pode consultarse no blog www.clublecturaporrino.wordpress.com, un espazo virtual no que se recollen as lecturas realizadas polo club de lectura, así como podcasts, recomendacións de lectura, actividades e outros recursos de interese compartidos pola coordinadora e as participantes do club.
