| Luns 27 de abril e 11 de maio. 2026
| De 18:00 a 19:30 h
| Biblioteca Municipal » ver mapa
| Entrada libre e de balde ata completar prazas

Organiza: Biblioteca Municipal do Porriño
No club de lectura da Biblioteca Municipal do Porriño imos conmemorar un ano máis o Día do Libro e o Día das Letras Galegas dun xeito moi especial: con varias actividades en aberto que enlazarán as dúas festividades, a do 23 de abril e a do 17 de maio, nun programa que leva como título “Do Libro ás Letras“. Desenvolveranse os luns 27 de abril e 11 de maio na biblioteca, en horario de 18:00 a 19:30 horas, nuns encontros especiais que porán en valor a literatura dun xeito global.
Neles, compartirase o amor polos libros a través de lecturas conxuntas, recomendacións, xogos e retos literarios, así como coloquios arredor de anécdotas e inquedanzas relacionadas co mundo das letras, e afondaremos tamén na figura de Begoña Caamaño, a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas, da que xa se leu no club a súa novela Morgana en Esmelle.
Encontros abertos
O club de lectura volve celebrar en 2026 este programa especial de actividades, que complementa os seus encontros regulares e que se abre a calquera persoa interesada en participar nel, ata completar a capacidade do espazo. Do Libro ás Letras está organizado pola Biblioteca Municipal e a coordinadora do club, Ana Abad de Larriva, en colaboración coas persoas participantes, e tivo xa moi boa acollida en anos anteriores.
A información destas actividades especiais pode consultarse no blog www.clublecturaporrino.wordpress.com, un espazo virtual no que se recollen as lecturas realizadas polo club de lectura, así como podcasts, recomendacións de lectura, actividades e outros recursos de interese compartidos pola coordinadora e as participantes do club.

