| Venres 12 de maio. 2023
| Ás 11:00 h
| Barrio de San Bieito » ver mapa
| Actividade concertada cos centros de ensino do Porriño
Un escpectáculo de Larraitz Urruzola
Organizan: Concellería de Educación, OMIX do Porriño e Biblioteca Municipal
Co motivo da celebración dunha nova edición da Feira do Libro no Porriño, do 11 ao 14 de maio, e dentro dos actos e actividades previstas, o Concello do Porriño ten programado o vindeiro 12 de maio de 11:00h-13:00h, no barrio de San Bieito, o espectáculo infantil “Dona barriga verde” da man de Larraitz Urruzola e a través do cal os/as alumnos/as dos centros educativos do Porriño poderán gozar dun espectáculo que achega novas perspectivas aos roles de xénero e aos estereotipos desta tradición, supón unha actualización das formas e xeitos da marioneta popular, reinterpreta o patrimonio inmaterial desta técnica que nos axudou a purgar as inxustizas a través da risa durante séculos.
Desde a Concellería de Educación, a OMIX e a Biblioteca Municipal do Porriño, queremos facer partícipes e achegarlle a Feira do Libro deste ano ao alumnado máis novo. Cremos que este tipo de feiras son a mellor maneira de fomentar a lectura entre os/as máis pequenos/as, estimular a curiosidade da infancia polos libros e fortalecer a súa capacidade creativa.
Dona Barriga Verde
Dona Barriga Verde é unha obra de títere de cachaporra, que integra elementos do Barriga Verde do noso país con préstamos doutras tradicións titiriteiras europeas. Os paisanos, o demo ou a morte atópanse en escena co crocodilo ou o bebé habituais do Punch Inglés. E todo cunha grande particularidade. A desafiar as convencións do xénero e por vez primeira no noso país, Barriga Verde, protagonista da obra, é unha muller.
Dona Barriga Verde é unha pícara, cantarina e pandereteira que armada de inxenio desafía as dificultades cotiás encarando as situación sen filtros, vence ao medo e ás inxustizas defendendo á súa integridade e amor propio fronte aos monstros, ao amor, á morte e ate ao mesmísimo demo.
Dona Barriga Verde achega novas perspectivas aos roles de xénero e aos estereotipos desta tradición, supón unha actualización das formas e xeitos do títere popular, reinterpreta o patrimonio inmaterial desta técnica titiriteira que nos axudou a purgar as inxustizas a través da risa durante séculos.
Canda a Larraitz Urruzola encargada do manexo dos bonecos, o espectáculo conta con dirección de Santi Prego, bonecos e atrezzo realizado por Borja Insua, pintura e deseño do retábulo de Kukas e vestiario de Bety Busto.
Larraitz Urruzola
Larraitz Urruzola é actriz e creadora de propostas escénicas para público infantil e/ou familiar dende o ano 1989. De formación autodidacta e cun longo percorrido por varias compañías profesionais de teatro e monicreques, destaca pola súa capacidade de conexión e comunicación co público. Domina varias técnicas de manipulación de monicreques tanto para artes escénicas como para o formato audiovisual: Variña, sombras, guiñol, marionetas de fío, luz negra, monicreques de luva e mesa, bunraku… Destaca pola versatilidade estética e a súa variada tipoloxía da voz á hora de proxectar as súas personaxes.
Como artista e animadora sociocultural realiza obradoiros empregando o xogo dramático como recurso para contribuír á formación integral do individuo. Actualmente forma parte tamén da compañía de teatro e monicreques Babaluva á vez que mantén entidade propia como contadora e titiriteira con montaxes tan aclamadas como A Viaxe de Rosalía, Dona Barriga Verde ou O Crebanoces e unha colección de espectáculos de narración oral baixo o paraugas dos Babacontos.