| Días 10, 11 e 12 de xullo. 2026
| Barrio de San Bieito » ver mapa

O Concello do Porriño presenta a programación das Festas de San Bieito 2026, que se celebrarán os días 10, 11 e 12 de xullo, cun cartel que combina tradición, música e actividades para todas as idades.
Trátase dunha festa marcada pola devoción e cun forte arraigo no municipio, nunha das zonas máis antigas da vila que mantén viva a paixón por un dos santos máis milagreiros, especialmente en cuestións relacionadas coa pel, como as verrugas. Ademais, no Porriño existe unha tradición única que se repetirá este ano: a poxa das uvas. Acontece logo da misa e a tradicional procesión. É outro dos milagres do 11 de xullo, ter un acio de uvas maduras, polo que a xente poxa ata límites insospeitados, acadando o pasado ano a cifra de 250 euros. Estes cartos, xunto a outros obxectos que se poxan, son doados logo á AECC do Porriño. O total de 2025 ascendeu a 635 euros.
Mano de Santo DJ Festival
O Mano de Santo DJ Festival é un dos pratos fortes desta festa, cun cartel que une a Kid Mount, Shameless e Juan Demarco na Praza de San Sebastián este 10 de xullo a partir das 22:30 h.

Aniversarios musicais
Musicalmente, estas Festas de San Bieito déixannos tamén un fito importante coa celebración do 30º Aniversario da Coral Polifónica EMMUS e o décimo aniversario da Agrupación Musical do Porriño. Será nun concerto que reunirá uns setenta participantes o sábado ás 20:00 h. No caso da Coral, é a herdeira desa gran tradición que hai no Porriño que nacerara da man de Antonio Paz Valverde. No caso da banda, naceu tamén no berce da Escola de Música, pero pronto tomou o seu propio camiño. Unha escola que tamén está de aniversario, xa que foi creada no 96 para dar saída a esas vocacións novas do Porriño que tiñan que desprazarse a Vigo para acudir ás clases ou a Pontevedra para facer os exames.

Ese mesmo sábado actuará, tamén na praza de San Sebastián, a orquestra Salsarena ás 21:30 h, á que seguirá unha sesión discoteca a cargo de Disquetoca e DJ Places a partir das 23:45 h. O domingo, a música infantil estará a cargo da Brais das Hortas, ás 20:00 h co seu “Consertasso na horta” e xa máis tarde, a orquestra Miramar poñerá o peche a partir das 21:30 h.

O Mundial a San Sebastián
Instalarase unha pantalla xigante na praza de San Sebastián para que toda a veciñanza poida seguir en directo o emocionante encontro do Mundial entre España e Bélxica.
A cita arrancará a partir das 20:00 h na propia praza, onde haberá unha previa musical amenizada por un DJ para ir quentando motores e acompañar á afección antes do asubío inicial.

Actos relixiosos
Os actos relixiosos comezan o xoves 2 de xullo coa subida do Santo á Igrexa logo da misa de nove, e co inicio da novena ás 19:30 h ata o 10 de xullo. O venres 10 haberá misa ás 9:00 h na capela de San Bieito, e o sábado 11 de xullo haberá misas ás 9:00 h de novo na capela, ás 10:00 h e ás 20:00 h na igrexa de Santa María e misa solemne ás 12:00 h tamén na Igrexa con procesión ata a capela.
Programación detallada
Do xoves 2 ao mércores 9 de xullo
- Ás 19:30 h: Inicio da novena (repítese cada día ata o 10 de xullo)
Venres 10 de xullo
- Ás 09:00 h: Misa na capela de San Bieito
- Ás 19:30 h: Novena
- Ás 20:00 h: pantalla xigante para o Mundial entre España e Bélxica
- Ás 22:30 h: Mano de Santo DJ Festival (con Kid Mount, Shameless e Juan Demarco) na Praza de San Sebastián
Sábado 11 de xullo
- Ás 09:00 h: Misa na capela de San Bieito
- Ás 10:00 h: Misa na igrexa de Santa María
- Ás 12:00 h: Misa solemne na igrexa de Santa María, seguida da tradicional procesión ata a capela e a posterior poxa das uvas (e outros obxectos) a beneficio da AECC do Porriño
- Ás 20:00 h: Misa na igrexa de Santa María
- Ás 20:00 h: Concerto especial polo 30º Aniversario da Coral Polifónica EMMUS e o 10º Aniversario da Agrupación Musical do Porriño
- Ás 21:30 h: Actuación da orquestra Salsarena na Praza de San Sebastián
- Ás 23:45 h: Sesión discoteca a cargo de Disquetoca e DJ Places
Domingo 12 de xullo
- Ás 20:00 h: Brais das Hortas co seu “Consertasso na horta”
- Ás 21:30 h: Actuación da orquestra Miramar para pechar as festas

