Festival de corais

| Sábado 14 de setembro. 2019
| Ás 20:00 h.

AA.VV. San Salvador de Torneiros » ver mapa

Festival de Corais 2019

Cita coas mellores voces corais, o sábado 14 de setembro, ás 20:00 h., na Asociación de Veciños San Salvador de Torneiros:

  • Coral Polifónica de A Guarda
  • Coral Polifónica Alborada da A.V.V. de Cabral – Vigo
  • Coral Polifónica Agarimo de San Salvador de Torneiros

Coral Polifónica de A Guarda

Foi creada en xuño de 1984. Desde a súa fundación percorreu a case totalidade da comunidade galega e gran parte do veciño Portugal, destacando as seguintes actuacións: Bom Xesús de Braga (Portugal, 1987); II certame de Corais «Liceo de Noia» (A Coruña, 1989); Fátima (Portugal, 1991 e 1993); Catedral de Santiago (con motivo do Xacobeo 1993); Cedeira (A Coruña, 1996); Catedral de Tarragona (1997); Festas de San Froilan (Lugo, 1998) e Centro Galego de Lisboa (1998).

Colabora na organización dos Encontros Internacionais de Corais da Ribeira do Baixo Miño, que levan a cabo anualmente en distintos pobos de Galicia e Portugal, e organizou catro encontros corais na Vila da Guarda.

Está integrada, desde a súa fundación, na Federación Coral Galega ( FECOGA).

Está formada por corenta e cinco voces e a súa actual directora é Dona Mary Silda Sánchez Lomba.


Coral Polifónica Alborada da A.V.V. de Cabral

Creada en maio do ano 1988 dentro da Asociación de Veciños de Cabral. Alborada” significa “música pola mañá nun día de festa” e “composición musical para ser tocada ao amencer”.

A súa primeira actuación tivo lugar en xullo do ano 1989 na Igrexa Parroquial de Santa Mariña de Cabral, baixo a dirección de Don Javier Jurado.

Formada por corenta e catro voces mixtas, dividas en catro cordas. Posúe un extenso repertorio que vai desde os cantos representativos de noso folclore ata habaneras, pasando pola música sacra, clásica, doutros países e panxoliñas de moi variados autores.

Participou en certames en Portugal, Cáceres, Asturias e Bilbao, así como na Misa do Peregrino en Santiago de Compostela.

No ano 2011 realizou o Concerto do Nadal da Asociación Española contra o Cancro, o Festival das Letras Galegas ou o concerto da Marinetea. No Concello de Vigo, actuou en lugares destacados como o Ifevi, o Teatro García Barbón ou o Auditorio Mar de Vigo. Actuou no Centro Galego de Santander, tamén en León e en Valladolid.

Está afiliada a FECOGA e ACOPOVI e forma parte do Orfeón “Airiños de Vigo”.

A súa actual directora é Dona Zivile Keblikaite-Butkeviciene.


Coral Polifónica Agarimo de San Salvador de Torneiros

A Coral Agarimo fundouse no ano 1995 como unha actividade propia máis da A.V.V. San Salvador de Torneiros (O Porriño).

Ofrece un repertorio variado de xéneros nas súas actuacións como habaneras, canción española, galega tradicional, panxoliñas, sacra e de outros temas.

Ademais de actuar na meirande parte dos concellos da provincia de Pontevedra, son de destacar as súas actuacións en moitos concellos das outras tres provincias galegas, na TVG e no Centro Cultural Caixavigo, así como en León e Portugal. Ademais acompaña Misas Solemnes, de festividades parroquiais e de outras cerimonias.

A Coral está sempre aberta a todas cantas persoas se sintan atraídas por esta actividade cultural, que fomenta a convivencia entre os veciños, poñendo por encima de todo a súa ilusión e o empeño en facelo ben, sendo membro asociado da Federación Coral Galega e colabora co Concello do Porriño e coa Deputación de Pontevedra.

Está formada por trinta e seis voces e dende o ano 2007, está dirixida por Don Rafael Pérez Dopeso.


Cabecera-web-ecultura.png