II Concurso escolar de carteis de Entroido. 2023

| Luns 6 de febreiro. 2023
| Recollida nos centros educativos do Porriño

II Concurso escolar de carteis de Entroido. 2023. Concello do Porriño

Concellería de Educación e Normalización Lingüística e OMIX do Porriño


O Concello do Porriño, dende a Concellería de Educación e Normalización Lingüística, convoca o II Concurso Escolar de Carteis do Entroido (2023) no que se buscan as mellores ilustracións para promover as festas do Entroido do Porriño.

Neste concurso, elaborado de forma conxunta polos servizos municipais da OMIX e Normalización Lingüística, poderá participar todo o alumnado dos centros educativos do Porriño, con idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos. Nesta edición establécense 3 categorías (de 6 a 8 anos; de 9 a 12 anos e de 13 a 16 anos) para as que haberá 1º, 2º e 3º premio en cada unha delas, 9 persoas premiadas en total que recibirán un lote de material escolar. Ademais, de entre todos os carteis premiados escollerase un que será a imaxe do Entroido do Concello do Porriño 2023 e a persoa creadora do cartel dará o pregón do Entroido 2023 no Porriño.

Un ano máis, o Concello pretende, a través deste Concurso, implicar a cidadanía máis nova na organización da súa axenda cultural; así como promover e dinamizar a lingua e cultura galegas a través dunha festividade tan vencellada á nosa tradición cultural. Os carteis do Entroido serán expostos no Centro Cultural Municipal e mais nas redes sociais do Concello.

Dende a OMIX e o Servizo de Normalización Lingüística animan a participar a toda a comunidade escolar para formar parte da imaxe do Concello do Porriño nestas datas festivas.

As presentes bases rexerán a participación e concesión de premios para as persoas da comunidade escolar que se presenten ao II Concurso Escolar de Carteis de Entroido do Porriño 2023.


Botón descarga as bases do concurso


Descrición

As alumnas e alumnos participantes crearán un cartel coa temática do Entroido galego para promocionar esta festa no Concello do Porriño.

As características do cartel presentado deberán ser: tamaño A3, formato papel ou cartolina e as ilustracións poderanse realizar coa técnica creativa que escolla cada alumna/o (ceras, acuarelas, colaxe, carbón,… ou calquera outra que estime a comunidade escolar).

A mensaxe que conteña o cartel do Entroido presentado deberá estar escrita en lingua galega e valorarase, de xeito especial, o xogo coa lingua, sexa mediante rimas, cantigas (tradicionais ou inventadas), refráns ou frases feitas asociadas a esta época do ano. En todo caso, sempre deberá engadir o seguinte texto:

  • ENTROIDO 2023
  • CONCELLO DO PORRIÑO

Na parte posterior do cartel figurará o nome da alumna ou alumno, a súa idade, o curso escolar e o centro educativo ao que pertence.

A participación será individual, de xeito que non se aceptarán carteis con varias/os autores/as.

As obras serán, necesariamente, orixinais e inéditas.

O Concello do Porriño reserva o dereito de non publicar aqueles carteis que considere que atentan contra a legalidade ou a dignidade das persoas e/ou institucións.


Persoas participantes

Poderá participar o alumnado dos centros educativos do Porriño con idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos.


Entrega de carteis

Os carteis serán recollidos o luns día 6 de febreiro de 2023 nos cetros educativos do Porriño.

Todos os carteis serán expostos ao público no vestíbulo do Centro Cultural Municipal, así coma no blog do Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Porriño e nas súas redes sociais durante as festas do Entroido.

O Concello do Porriño non se fai cargo de posibles subtraccións destes.


Premios

Establécense 3 categorías de acordo coa idade, nas que haberá, para cada unha delas, 1º, 2º e 3º premio, baseados en diferentes lotes de material escolar:

Participantes de 6 a 8 anos

  • Primeiro premio baseado nun lote de material escolar valorado en 44,40 €
  • Segundo premio baseado nun lote de material escolar valorado en 34,80 €
  • Terceiro premio baseado nun lote de material escolar valorado en 23,95 €

Participantes de 9 a 12 anos

  • Primeiro premio baseado nun lote de material escolar valorado en 44,40 €
  • Segundo premio baseado nun lote de material escolar valorado en 34,80 €
  • Terceiro premio baseado nun lote de material escolar valorado en 23,95 €

Participantes de 13 a 16 anos

  • Primeiro premio baseado nun lote de material escolar valorado en 44,40 €
  • Segundo premio baseado nun lote de material escolar valorado en 34,80 €
  • Terceiro premio baseado nun lote de material escolar valorado en 23,95 €

Escollerase un cartel gañador de entre todas as persoas participantes, que será a imaxe escollida para promover o Entroido do concello do Porriño 2023. A persoa autora deste cartel será a pregoeira do Entroido do Porriño 2023.

A entrega de premios e as persoas gañadoras serán anunciadas nas redes sociais deste Concello, así como notificadas aos centros educativos pertinentes.


Xurado

O xurado estará constituído por un comité de observación e valoración de premios, nomeado por resolución de Alcaldía, e composto polos seguintes membros:

  • O Alcalde-Presidente do Concello do Porriño, que conta co voto de calidade.
  • Unha persoa representante do Servizo de Normalización Lingüística.
  • 4 artistas locais de diferente índole.

Valorarase a técnica creativa, o uso da lingua galega e a composición xeral do cartel, de acordo cos criterios apropiados a cada grupo de idade.


Aceptación das bases

A participación neste concurso supón a total aceptación das presentes bases e a autorización ao Concello do Porriño para a difusión e uso dos carteis a través das redes sociais, páxina web e demais medios de difusión.

O incumprimento de calquera das cláusulas destas bases dará lugar á perda do dereito de optar aos premios de participación.

As presentes bases exporanse no Taboleiro de Anuncios do Concello do Porriño, na páxina web do Servizo de Normalización Lingüística e nas redes sociais desta Administración.


Concellería de Educación do Concello do Porriño
Servizo de Normalizacion Lingüística do Concello do Porriño
OMIXCabecera-web-ecultura.png