III Xornadas Danzando na Escola

| Do 2 ao 25 de novembro. 2026
| Centros educativos da vila
| Actividade concertada cos centros de ensino do Porriño

III Xornadas Danzando na Escola

Organizan: Concellería de Educación, Concellería de Cultura e OMIX do Porriño


A través da Concellería de Educación, Cultura e a OMIX, levaranse a cabo as segundas xornadas “Danzando na escola” nos centros educativos da nosa localidade do 2 ata o 25 de novembro de 2026.

Os obradoiros de música e movemento representan unha ferramenta pedagóxica de gran valor no desenvolvemento integral do alumnado. A través da combinación de estímulos sonoros e corporais, estes obradoiros permiten traballar de forma transversal diversas áreas do currículo, contribuíndo ao desenvolvemento cognitivo, emocional, físico e social dos nenos e nenas.

No marco dunha educación globalizadora e centrada no alumnado, a música e o movemento actúan como linguaxes expresivas universais, accesibles e motivadoras. Estes obradoiros fomentan a creatividade, a atención, a memoria, a coordinación motriz e a percepción espacial, ao tempo que permiten a expresión de emocións e sentimentos dun xeito lúdico e natural.

Ademais, a participación en actividades musicais e de movemento en grupo favorece a socialización, o respecto polas normas, a cooperación e a empatía. A través do xogo musical, o alumnado aprende a escoitar, a compartir, a esperar quendas e a integrarse nun grupo, promovendo así valores fundamentais para a convivencia.

Con base no anterior, dende o noso Concello cremos que a comunidade infantil e adolescente require a atención e o coidado por parte dos adultos. Necesitan actividades que lles axuden a mellorar o seu estado físico e anímico e o baile é unha forma divertida de exercitar o corpo e a mente e axuda a que sintan mellor animicamente.

Polo tanto outro ano máis terán lugar as segundas xornadas “Danzando na escola”, proposta para levar a danza aos centros educativos da nosa localidade, co obxectivo de ofrecerlle ao alumnado unha forma diferente e divertida de facer exercicio.

A escola de baile Studio 57 será a encargada de desenvolver esta actividade distribuída en 10 xornadas con obradoiros de diferentes disciplinas para o alumnado en cada unha delas. O alumnado participante fai un total de 1671 alumnos/as. Partindo de que o movemento axuda a mellorar e axilizar a aprendizaxe en todas as materias, incluídas as que, a priori, poden parecer máis difíciles de comprender, achegaranse a través da danza todo tipo de beneficios adicionais para os alumnos/as:

  • Fomentar o autocoñecemento do seu propio corpo.
  • Promover a aprendizaxe colaborativa e proporcionar un maior control das emocións.
  • Ofrecer unha alternativa divertida para que se expresen e liberen as tensións orixinadas pola rutina diaria e as tarefas escolares. O aspecto lúdico debe xogar un papel predominante en todo o proceso de ensino-aprendizaxe, favorecendo deste xeito a aprendizaxe cooperativa, a convivencia escolar e o respecto á interculturalidade (o que se logra introducindo xogos e música doutras culturas).

A Concelleira de Educación, Carolina González Costas explica que “Danzando na Escola é unha aposta pola educación a través da arte, pola cultura e pola convivencia, e unha mostra de que aprender tamén é bailar, crear, sentir e compartir. Agardamos que esta iniciativa siga medrando e enchendo as nosas escolas de ritmo, ilusión e novas oportunidades de aprendizaxe.”