| Do martes 28 de outubro ao mércores 10 de decembro. 2025
| Rexistro xeral ou sede electrónica do Concello do Porriño

A Concellería de Festexos e Cultura do Concello do Porriño convoca os desfiles tradicionais da Cabalgata de Reis do ano 2026.
As bases rexerán o concurso para a concesión de premios ás ANPAS dos centros educativos e asociacións culturais do Concello do Porriño pola participación na Cabalgata de Reis, programada polo Concello do Porriño o día 5 de xaneiro de 2026.
Requisitos xerais
Participantes
Poderán optar aos premios todas aquelas ANPAS dos centros educativos e asociacións culturais do Concello do Porriño con un mínimo de 6 compoñentes (nenos/as e adultos/as).
Os nenos e nenas que participen deberán ter como mínimo 6 anos de idade.
O número máximo de participantes por ANPA ou asociación sitúase en 8 nenos e mais 8 adultos, e asignaráselle unha carroza.
O número máximo total de participantes na cabalgata será o estipulado pola organización.
Inscricións
As inscricións poderán presentarse de xeito telemático, a través da sede electrónica do Concello do Porriño mediante impreso normalizado (ANEXO I) cuberto e asinado.
Achegarán a seguinte documentación de carácter obrigatorio:
- Fotocopia do CIF da ANPA ou da asociación.
- Declaración responsable asinada polo/a presidente/a da ANPA ou asociación de non ter débedas tributarias nin fronte á Seguridade Social (ANEXO II).
- Certificado orixinal da conta bancaria da ANPA ou asociación.
Continxencias
Aquelas ANPAS ou asociacións culturais que teñan dificultade coa presentación do CIF ou documento de exención do IVE, terán que presentar o documento onde reflictan que esas solicitudes están en trámite e que se achegarán unha vez que as teñan no seu poder.
Prazo
As ANPAS ou asociacións culturais participantes poderán inscribirse dende o día seguinte da publicación das bases no taboleiro de anuncios municipal ata o 10 de decembro, ambos os días incluídos. Aquelas inscricións realizadas antes ou despois do prazo estipulado nestas bases non serán admitidas, calquera que sexa a causa.
Coa presentación da solicitude de inscrición neste concurso, a persoa representante da asociación participante autoriza ao Concello do Porriño a realizar as consultas necesarias nas bases de datos da Axencia Tributaria Estatal, da Axencia Tributaria de Galicia, da Seguridade Social e do ORAL, co fin de comprobar que se atopa ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
Os ANEXOS I E II poden descargarse nesta mesma páxina, máis abaixo.
Importe dos premios
A cantidade máxima destinada a premios de participación na Cabalgata de Reis 2026 establécese en 3.600,00 €.
O importe dos premios a cada ANPA ou asociación cultural será o seguinte:
- Premio por asistencia de entre 6 e 10 participantes (mínimo 6 anos de idade): 300,00 €.
- Premio por asistencia de entre 11 e 16 participantes (mínimo 6 anos de idade): 450,00 €
O importe máximo establecido de 3.600,00 € repartirase ata acadar esta cifra e seguindo rigorosamente a orde de inscrición. Aquelas ANPAS ou asociacións culturais que desexen participar na cabalgata de reis fóra deste orzamento poderán inscribirse sen opción ao premio por participación.
Estes premios estarán suxeitos á retención do IRPF, de acordo coa lexislación vixente.
Unha vez recibidas todas as solicitudes, informarase a cada unha das asociacións do número de participantes que debe convocar para tratar de ser o máis equitativo posible.
Vestimenta
Os traxes que se atopen nas dependencias municipais serán entregados de maneira equitativa por orde de inscrición e atendendo ás idades das persoas participantes. No caso de non recibir traxe, este deberá ser confeccionado pola ANPA ou asociación cultural e seguindo as indicacións da Concellería de Cultura e Festexos.
Unha vez rematada a cabalgata e pasados, como máximo, 10 días dende a data de celebración desta, os traxes prestados polo Concello do Porriño deberán ser entregados, limpos e en perfecto estado, no Centro Cultural Municipal.
As ANPAS ou asociacións culturais ás que se lle preste algún traxe para a participación na cabalgata de reis serán responsables de calquera dano que poida sufrir. Para iso, antes de facer a retirada dos traxes, firmarán un documento de responsabilidade onde figurará o número e o tipo de traxe que se lle presta.
Percorrido da cabalgata e horario
A cabalgata realizarase no lugar, data e horario que se sinale no programa de festas de Nadal.
Valoración de premios
No control das/dos compoñentes de cada unha das ANPAS ou asociacións culturais haberá un comité de observación e valoración de premios, nomeado por resolución de Alcaldía, composto por unha serie de membros en número impar.
A participación supón a plena aceptación do disposto nas presentes bases e o incumprimento de calquera das cláusulas dará lugar á perda do dereito de optar aos premios.
Publicidade
As presentes bases serán publicadas no taboleiro de anuncios municipal e na web ecultura.net
Bases do Concurso con Premios á Participación na Cabalgata de Reis 2026
ANEXO I: Solicitude de inscrición para a Cabalgata de Reis 2026
ANEXO II: Declaración responsable de non débedas



