| Inscrición ata o 24 de decembro de 2024, a través de Sede Electrónica
| Domingo 12 de xaneiro. 2025
| Pasarrúas polo centro urbano (se a climatoloxía o permite) e Certame no Pavillón Municipal dos Deportes » ver mapa
| Entrada libre e de balde ata completar aforo
A Concellería de Festas do Concello do Porriño convoca o Certame de Rondallas con premios á participación 2025. As bases rexerán a concesión de premios ás rondallas participantes neste encontro, que terá lugar o día 12 de xaneiro de 2025 ás 17:30 h, no Pavillón Municipal dos Deportes do Porriño.
Participantes
Poderán optar aos premios todas aquelas asociacións de fóra do termo municipal do Porriño cunha agrupación integrada por un mínimo de 40 compoñentes.
O número máximo de agrupacións participantes limítase a 14.
Como único criterio de selección establécese a orde de inscrición no Rexistro Xeral do Concello do Porriño.
Inscricións e prazo
As inscricións poderán presentarse de xeito telemático, a través da sede electrónica do Concello do Porriño mediante instancia xeral, indicando os seguintes datos:
- Nome da asociación ou rondalla
- Teléfono e correo electrónico da persoa responsable
- Número de compoñentes da rondalla
Achegarase a seguinte documentación da asociación participante:
- Certificado orixinal de conta bancaria
- CIF
- Declaración responsable asinada polo/a presidente/a da asociación de non ter débedas tributarias nin fronte á Seguridade Social. (este documento pódese descargarse máis abaixo)
O prazo de inscrición será dende o día seguinte á súa publicación no taboleiro de anuncios municipal ata o día 24 de decembro de 2024, ambos os dous incluídos. Non serán admitidas aquelas inscricións realizadas fóra do prazo estipulado nestas bases, calquera que sexa a causa.
Premios
Os premios do encontro serán por participación a cada unha das agrupacións inscritas:
- Premio á participación: 900,00 €
A cantidade máxima destinada a premios establécese en 12.600,00 €. Todos os premios estarán suxeitos á normativa fiscal que proceda aplicar.
Desenvolvemento do certame
As agrupacións participantes realizarán, previo ao inicio do certame e na mesma orde de actuación, un desfile polo centro da vila.
No caso de suspensión dos desfiles por choiva, concentraranse na mesma orde e horario no Pavillón Municipal dos Deportes do Porriño.
A orde de actuación no Pavillón Municipal dos Deportes do Porriño das rondallas inscritas decidirase mediante un sorteo.
Cada agrupación disporá dun máximo de 12 minutos para realizar as interpretacións que estime oportunas.
O tempo dispoñible computarase dende o momento no que as agrupacións comecen a interpretar a primeira peza e finalizará unha vez que a/o última/o compoñente abandone a pista onde se leve a cabo a actuación ou dea por rematada a actuación, tendo que saír neste caso sen interpretar ningunha peza.
Os himnos oficiais dos estados e das comunidades autónomas non poderán ser incluídos nos repertorios que executen as rondallas participantes.
Comité de observación e valoración de premios
O xurado estará constituído por un comité de observación e valoración de premios, nomeado por resolución de Alcaldía, e composto por unha serie de membros en número impar.
O concelleiro de Festas e mais o xurado do encontro quedan facultados para resolver as posibles eventualidades e dúbidas que puidesen xurdir, non previstas nestas bases.
Publicidade
As presentes bases serán publicadas no taboleiro de anuncios municipal, na web ecultura.net e nas redes sociais do Concello do Porriño.
A participación neste certame supón a aceptación do disposto nas presentes bases e o incumprimento de calquera das cláusulas dará lugar á perda do dereito de optar aos premios.