| Ata o 14 de febreiro. 2025
| Sede electrónica do Concello do Porriño

A Concellería de Festas do Concello do Porriño convoca o tradicional desfile de comparsas, dentro do programa de actividades do Entroido 2025.
As bases rexerán a concesión de premios ás comparsas pola súa participación nos desfiles programados polo Concello do Porriño
Requisitos xerais
Neste desfile poderán inscribirse todas aquelas comparsas constituídas legalmente como asociacións, ANPA ou clubs sen ánimo de lucro.
A participación supón a plena aceptación do disposto nas presentes bases e o incumprimento de calquera das cláusulas dará lugar á perda do dereito de optar aos premios de participación.
As persoas participantes comprométense a respectar e cumprir con todas as medidas de seguridade para favorecer o desenvolvemento do desfile.
Está totalmente prohibido o uso de animais, sprays ou petardos.
Calquera cuestión ou dúbida será resolta polo Departamento de Cultura no seguinte enderezo: cultura@oporrino.org ou nos teléfonos 986 337 624/ 604 431 128 de luns a venres de 9:00 a 14:00 h.
Participantes
Poderán optar aos premios establecidos nas presentes bases todas aquelas comparsas integradas por un mínimo de 12 compoñentes e poderán inscribirse en dúas modalidades:
- Infantil: ata 12 anos.
- Adultos/as: de 13 anos en diante.
O maior número de compoñentes por idades definirá a clasificación da comparsa na categoría infantil ou adultos/as.
Inscricións e prazo
As inscricións poderán presentarse de xeito telemático, a través da sede electrónica do Concello do Porriño mediante o impreso normalizado para esta finalidade, e achegar a seguinte documentación de carácter obrigatorio:
- Fotocopia do CIF da Asociación
- Declaración responsable asinada polo/a presidente/a da Asociación de non ter débedas tributarias nin fronte á Seguridade Social.
- Certificado orixinal da conta bancaria da Asociación.
- Documentación dos vehículos para a participación nos desfiles:
– Permiso de condución
– Permiso de circulación
– Ficha técnica ITV vixente
– Recibo do seguro vixente
As asociacións participantes poderán inscribir as súas comparsas dende o día seguinte a súa publicación no taboleiro de anuncios municipal ata o 14 de febreiro de 2025, ambos os días incluídos. Aquelas inscricións realizadas antes ou despois do prazo estipulado nestas bases non serán admitidas, calquera que sexa a causa.
Continxencias:
Aquelas comparsas que teñan dificultade coa presentación da tarxeta CIF ou documento de exención do IVE terán que presentar o documento onde se reflicta que esas solicitudes están en trámite, e que se achegarán unha vez as teñan no seu poder.
Importe dos premios
A cantidade máxima destinada aos premios de participación no Entroido establécese en 18.000 euros, con cargo ao vixente orzamento municipal.
Estes premios estarán suxeitos á retención do IRPF, de acordo coa lexislación vixente.
Orde de participación
Nos desfiles participarán en primeiro lugar as comparsas inscritas na categoría infantil seguidas das comparsas de adultos/as.
Cada comparsa deberá levar un cartel visible na súa parte frontal que indicará o seu nome e o número de compoñentes.
Obrigas das comparsas
As comparsas que aspiren ao premio de participación teñen a obriga de estar inscritas e participar nos desfiles do sábado e do martes do Entroido; e no acompañamento do Enterro da Sardiña, o Mércores de Cinza. Aquelas comparsas que queiran participar fóra de prazo non terán dereito ao premio.
Outras consideracións:
No momento da inscrición, as comparsas autorizan o Concello do Porriño a fotografar ou gravar as formacións, así como facer uso das imaxes con fins promocionais e documentais do evento.
Percorrido nos desfiles
Os desfiles terán lugar nas datas e horarios sinalados no programa de festas do Entroido:
- Sábado 1 de marzo: partirá da rúa Antonio Palacios (Instituto Pino Manso) e desprazarase por Domingo Bueno, praza de San Sebastián, rúas peonís, praza A. Antonio Palacios e rematará na rotonda do Central.
- Martes 4 de marzo: partirá da praza de San Sebastián, rúas peonís, praza A. Antonio Palacios e rematará na rotonda do Central.
- Enterro da Sardiña, o mércores 5 de marzo: as comparsas participarán no acompañamento da sardiña co seguinte percorrido: saída dende o Círculo Recreativo Cultural, rúa Domingo Bueno, baixarán pola fonte de San Sebastián e seguirán por Manuel Rodríguez ata a praza A. Antonio Palacios, onde se procederá á lectura do testamento. Deseguido, desfilará pola rúa Peña e rematará preto do albergue de peregrinos (Paseo do Louro). Ao Enterro da Sardiña deberá acudir, polo menos, un 20% do número de participantes de cada comparsa, pero nunca inferior a 10 participantes.
O velorio terá lugar no CRC no horario estipulado no programa.
O Concello do Porriño resérvase o dereito de cancelar ou modificar as datas, horarios ou percorrido do desfile sen que isto leve consigo ningún tipo de compensación económica para os/as participantes.
Para a elaboración do testamento da sardiña, cada comparsa redactará entre 10 e 15 liñas do que será a súa proposta de testamento; tamén poderá participar a veciñanza que así o desexe.
O testamento deberá presentarse no Centro Cultural Municipal (1º andar) nun sobre pechado e dirixido á Concellería de Festas, ata o 20 de febreiro de 2025, en horario de 9 a 14 h. Unha vez cerrado o prazo o comité de observación elaborará o documento final.
Comité de observación e valoración de premios
Haberá un comité de observación que será nomeado mediante resolución da Alcaldía e terá competencias para: a valoración das inscricións realizadas polas asociacións, o cumprimento da documentación esixida segundo as presentes bases, o desenvolvemento dos desfiles, as descualificacións e a asignación dos premios segundo o número de compoñentes, emitindo unha proposta de concesión de premios que será resolta por resolución de Alcaldía.
Este comité de observación estará formado por un número impar de membros e será nomeado por decreto de Alcaldía.
A participación supón a plena aceptación do disposto nas presentes bases e o incumprimento de calquera das cláusulas dará lugar á perda do dereito de optar aos premios de participación.
Criterios
O importe máximo establecido de 18.000 euros repartirase ata acadar esta cifra e seguindo rigorosamente a orde de inscrición. Tendo preferencia para a opción aos premios de participación as comparsas ou grupos do Concello do Porriño. Aquelas comparsas que desexen participar no Entroido fóra deste orzamento poderán inscribirse pero sen opción ao premio por participación.
Se se dese o caso de cambios nas datas dos desfiles por motivos alleos á organización (relacionados co clima, por exemplo), aquelas comparsas que non desfilen nos días estipulados no cambio recibirán como premio á participación a porcentaxe que lle corresponda segundo o día que desfilen, recibindo o 50% do premio se soamente desfilan un día. O Enterro da Sardiña non se contempla como día de desfile.
O importe dos premios determinarase segundo o número de compoñentes da comparsa:
COMPARSAS DE ADULTOS/AS E TAMÉN COMPARSAS INFANTÍS
- de 12 a 19 compoñentes 300,00 €
de 20 a 39 compoñentes 500,00 € - de 40 a 55 compoñentes 800,00 €
- de 56 a 85 compoñentes 1.000,00 €
- de 86 compoñentes en adiante 1.200,00 €



