| Concurso: días 6 e 7 de xuño. 2026
| Inscricións: dende o venres 1 de mayo ata o venres 15 de maio (ambos os dous incluídos)
| Rexistro xeral ou sede electrónica do Concello do Porriño

Concello do Porriño en colaboración co IES Ribeira do Louro, a través do ciclo de grao medio de Pedra Natural
O Concello do Porriño convoca o seu “I Certame Talla en Pedra: Antonio Palacios escríbese en pedra” en colaboración co IES Ribeira do Louro, a través do ciclo de grao medio de Pedra Natural, coa vontade de reivindicar a pedra como material esencial da nosa identidade construtiva e cultural, promover a creación artística en pedra natural, facer un recoñecemento aos oficios tradicionais e poñer en valor o legado arquitectónico, cultural e simbólico de Antonio Palacios, figura clave na identidade do Porriño, este certame terá lugar os días 6 e 7 de xuño de 2026 no Porriño.
As bases rexerán a participación e concesión de premios para aquelas persoas que se presenten ao certame “Antonio Palacios escríbese en pedra“.
BASES I CERTAME TALLA EN PEDRA
ANEXO I. SOLICITUDE DE INSCRICIÓN
ANEXO II. DECLARACIÓN RESPONSABLE
ANEXO III. AUTORIZACIÓN PARA A CONSULTA DE DATOS
Participantes
Poderán participar profesionais e afeccionados da escultura, tallistas e canteiros/as maiores de 18 anos.
O número de participantes estará limitado a 15 persoas. No caso de que as inscricións superen o máximo establecido, o xurado realizará unha preselección de participantes en base á documentación presentada coa inscrición.
Inscricións e prazo
As inscricións poderán presentarse de xeito presencial no rexistro xeral do Concello do Porriño (de luns a venres de 9 h a 14 h) ou de xeito telemático, a través da sede electrónica do Concello do Porriño mediante impreso normalizado que se poderá descargar da web ecultura.net ou solicitalo no Centro Cultural Municipal do Porriño.
Achegarase a seguinte documentación:
- A solicitude de inscrición, que figura como ANEXO I (cuberta e asinada).
- Breve currículo profesional ou formativo do participante incluído relación de obras realizadas.
- Bosquexo ou proposta previa da obra a realizar, coherente coa temática Palacios a cal deberá ir acompañada dun título.
- Descrición técnica da obra así como as ferramentas previstas de utilización e a intención artística.
O prazo de inscrición será dende o día seguinte á publicación das bases no taboleiro de anuncios municipal ata o venres 15 de maio ambos os dous incluídos.
Criterios de selección dos participantes: O número máximo de participantes queda limitado ao espazo dispoñible para levar a cabo a práctica do certame e sempre cun máximo de 15 participantes. A organización poderá seleccionar participantes segundo diversos criterios como poderían ser:
- Calidade artística do bosquexo e memoria presentada.
- Adecuación á temática.
- Experiencia ou formación relacionada.
- Interese en promover diversidade técnica e estética no certame.
Características
O certame consiste nun concurso de talla en pedra natural ao aire libre, no que diferentes tallistas, profesionais e escultores da pedra terán que crear en directo unha obra escultórica en pedra natural inspirada na vida e obra de Antonio Palacios, arquitecto porriñés recoñecido internacionalmente.
Este certame levarase a cabo durante dous días no que a partir dun bloque de pedra facilitado pola organización, deberase esculpir unha peza inspirada no arquitecto.
Temática obrigatoria
A obra presentada deberá inspirarse na vida e obra de Antonio Palacios, a súa arquitectura, as súas formas características, o seu simbolismo ou o seu legado artístico e cultural. A proposta poderá ser unha interpretación literal ou abstracta.
Calquera obra que non garde relación coa temática poderá ser excluída do certame.
Materiais e ferramentas
A organización facilitará a cada participante un bloque de pedra de granito rosa Porriño ou silvestre, deberán indicar a súa preferencia á hora de inscribirse, coas seguintes dimensións 50×50×70 cm.
Cada participante achegará as súas ferramentas manuais e maquinaria portátil eléctrica para poder traballar a pedra. Non se permitirá o uso de maquinaria de gran tamaño nin ferramentas que poidan comprometer a seguridade do evento.
Seguridade e prevención de riscos
É indispensable e obrigatorio o uso de EPI (gafas, protección auditiva, máscara, calzado e roupa adecuada) para participar, durante o proceso do desbaste e talla da peza. A organización poderá expulsar a calquera participante que incumpra as normas básicas de seguridade.
Non se permitirá o consumo de alcohol nin substancias que dificulten o traballo seguro.
Lugar de realización
O certame desenvolverase ao aire libre, nun espazo habilitado polo Concello do Porriño, dotado de electricidade, punto de auga, carpas se fose preciso polas condicións climatolóxicas, delimitación do perímetro da zona de traballo e de todos os medios necesarios para poder levar a cabo un correcto desenvolvemento da actividade.
Duración do certamé
O concurso terá unha duración de 2 xornadas consecutivas, sendo estas dende o sábado día 6 ata o domingo día 7 de xuño.
O horario de traballo poderá ser estruturado polo participante, sempre dentro da seguinte ventá horaria: o sábado de 09:30 ata as 20:00 h e o domingo de 09:30 ata as 18:00 h.
Os participantes deberán ter a súa obra finalizada dentro do prazo regulamentado.
Calendario
Sábado
- 9:30 – 10:00 h: Recepción e acreditación de participantes.
Reunión cos participantes para fixar os detalles do certame, sorteo e entrega do material para traballar. - 10:00 – 14:00 h: Comezo do certame
- 14:00 – 15:30 h: Comida
- 15:30 – 20:00 h: Continuación do certame
Domingo
- 9:30 h: Comezo da segunda xornada do certame
- 14:00 – 15:30 h: Comida
- 15:30 – 18:00 h: Continuación do certame
- 18:00 h: Fin da xornada de traballo e valoración individual polos membros do xurado
- 18:30 h: Reunión do xurado
- 19:30 h: Entrega de premios e remate do certame
Calquera circunstancia non prevista será resolta pola organización.
Xurado
O xurado estará constituído por un comité de observación e valoración de premios, nomeado por resolución de Alcaldía, composto por unha serie de membros en número impar.
Este estará composto por distintas persoas vinculadas coas artes plásticas ademáis de representación do Concello do Porriño.
Criterios de avaliación
As obras serán valoradas segundo os seguintes criterios orientativos:
- Elaboración do bosquexo previo, así como a interpretación da temática Antonio Palacios e adecuación á xustificación achegada coa inscrición.
- Calidade técnica e estética da talla.
- Creatividade, composición e orixinalidade.
- Presentación e acabado final da obra terminada.
As decisións do xurado serán inapelables.
Veredicto do xurado
O veredicto do xurado e a entrega de premios realizaranse o último día do concurso, ás 19:30 h no lugar onde ditamine a organización.
Emitido o veredicto e realizada a entrega de premios, as obras gañadoras do primeiro, segundo, terceiro premio e mención especial do público serán recollidas polo persoal do Concello do Porriño.
Premios
Os premios establecidos pola organización son os seguintes:
- 1º Premio: dotación económica 1.500,00 €
- 2º Premio: dotación económica 1.000,00 €
- 3º Premio: dotación económica 500,00 €
- Mención especial do público: dotación económica 500,00 €
- Premio por participación: 150,00 €
Os premios poderán ser declarados desertos se se considera que non alcanzan un nivel artístico mínimo.
Todos os premios estarán suxeitos á normativa fiscal que proceda aplicar.
Cada obra optará a un único premio entre os tres primeiros, pero calquera delas poderá recibir tamén a mención especial do público. Ademais, todas as persoas participantes recibirán un premio pola súa participación.
Poderán ser desestimadas as obras que non sexan orixinais ou que, a criterio do xurado, representen imaxes que poidan ser consideradas ofensivas.
As persoas beneficiarias de calquera dos premios con dotación económica convocados deberán acreditar, con carácter previo ao abono do mesmo, que se atopan ao corrente no cumprimento das súas obrigacións tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, coa Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia e coa Facenda local do Concello do Porriño, así como das súas obrigacións coa Seguridade Social. Devandita acreditación poderá realizarse mediante a achega dos certificados acreditativos correspondentes expedidos polos organismos competentes ou mediante a autorización expresa ao Concello do Porriño para que proceda á consulta e obtención directa dos devanditos certificados.
As persoas beneficiarias dos premios, seralles requirida a seguinte documentación:
- ANEXO II, declaración responsable (cuberta e asinada).
- ANEXO III, autorización consulta de datos (cuberta e asinada).
- Copia do DNI ou pasaporte.
- Certificado orixinal da conta bancaria actualizado.
- Certificado acreditativo de atoparse ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA).
Propiedade das obras
Todas as obras premiadas co primeiro, segundo, terceiro premio e mención especial do público, pasarán a formar parte do patrimonio municipal do Concello do Porriño, cedendo expresamente ao Concello do Porriño a explotación en exclusiva dos dereitos de propiedade intelectual transmisibles da súa obra, en especial dos dereitos de reprodución, distribución, exposición e comunicación pública, en calquera forma e en todas as súas modalidades. A cesión de dereitos enténdese realizada a todo o mundo e durante o termo permitido pola normativa aplicable.
Todos os participantes autorizan a publicación e difusión das súas obras en diferentes medios escritos e ou audiovisuais, co obxectivo de
divulgar o premio ou coa finalidade de promover futuras edicións do certame.
Todos os participantes acceden expresamente a ser gravados e ou fotografados pola organización. Así mesmo os participantes autorizan á organización ao uso de material en calquera actividade publicitaria e promocional, en calquera medio e sen limitación de tempo nin espazo, relacionada co certame no que participaron sen que dita autorización lle confira dereito de remuneración ou beneficio algún.
As persoas participantes non poderán vender directamente a súa obra ao público durante a celebración do concurso.
O Concello non se fará responsable da perda, roubo ou deterioro da obra nin da ferramenta utilizada polos participantes.
O Concello reserva todos os dereitos de publicación e reprodución.
As obras non premiadas serán retiradas polos autores unha vez finalizado o certame.
Publicidade
As presentes bases serán publicadas no taboleiro de anuncios municipal, na web ecultura.net e noutros medios de difusión que o Concello dispoña para xeral coñecemento.
Protección de datos
De conformidade co establecido na normativa de protección de datos, infórmase aos participantes de que os datos persoais recabados para este certame serán tratados pola organización co fin exclusivo de xestionar a súa participación no certame e no seu caso, xestionar a entrega de premio.
O/a participante ten dereito a acceder aos seus datos persoais, así como a solicitar a supresión dos mesmos cando, entre outros motivos, os datos xa non serán necesarios para os fins que foron recollidos. Para igualmente solicitar a limitación do tratamento dos seus datos, no seu caso, únicamente se conservarán para o exercicio ou a defensa de reclamacións.
Aceptación das bases
A participación neste certame implica a aceptación íntegra das bases.




