| Concurso: sábado 14 de xuño. 2025
| Inscricións ata o 9 de xuño. 2025
| Rexistro xeral ou sede electrónica do Concello do Porriño
O Concello do Porriño convoca o seu II Concurso de Pintura Rápida: Pintando a Palacios, que terá lugar o día 14 xuño de 2025 no Porriño.
As presentes bases rexerán a participación e concesión de premios para aquelas persoas que se presenten ao concurso Pintando a Palacios.
Participantes
As persoas interesadas poderán participar nas seguintes categorías:
- Adultos/as: persoas nacidas en 2007 ou con anterioridade.
- Mocidade: persoas nacidas entre os anos 2008 e 2011.
- Alevín: persoas nacidas entre os anos 2012 e 2017.
- Infantil: persoas nacidas entre os anos 2018 e 2022.
Inscricións e prazo
As inscricións poderán presentarse de xeito presencial no rexistro xeral do Concello do Porriño (de luns a venres de 9h a 14h) ou de xeito telemático, a través da sede electrónica do Concello do Porriño mediante impreso normalizado que se poderá descargar da web ecultura.net ou solicitalo presencialmente no Centro Cultural Municipal do Porriño.
Achegarase a seguinte documentación:
- A solicitude de inscrición, que figura como ANEXO I para adulto/a ou ANEXO II menor de idade, debidamente cuberta e asinada.
O prazo de inscrición será dende o día seguinte á publicación das bases no taboleiro de anuncios municipal ata o luns 9 de xuño de 2025 ás 23:59 h, ambos os dous incluídos.
Características
- TEMA: O Porriño. Centro urbano.
- TÉCNICA: as persoas participantes poderán empregar a técnica que consideren (óleo acuarela, carbón, lapis etc.) e deberán achegar todo o material necesario para a realización do seu traballo.
- TAMAÑO: máximo de 100×100 cm.
- OBRA: as obras realizaranse ao aire libre o mesmo día do concurso, unha vez seladas e ata as 17:30 h (as obras que sexan entregadas despois desa hora quedarán fóra do concurso).
Procederase ao selado dos soportes das obras ás 9:30h no salón de plenos do Concello do Porriño, rúa Antonio Palacios nº1, 36400, e non se admitirá a participación daquelas persoas que ás 11:00 h non teñan o soporte selado.
As obras serán realizadas in situ, exclusivamente dentro do recinto da vila, e non se admitirá pintar mediante o emprego de fotografías, temas dixitais ou imaxinarios.
Todas as obras, xa sexan en papel, táboa ou lenzo, se presentarán sen asinar, e procederase á sinatura das obras premiadas tras a decisión do xurado.
As persoas participantes faranse responsables da recollida de calquera residuo que xeren durante o desenvolvemento do concurso.
Xurado
O xurado estará constituído por un comité de observación e valoración de premios, nomeado por resolución de Alcaldía, composto por unha serie de membros en número impar.
Este estará composto por distintas persoas vinculadas coas artes plásticas.
Veredicto do xurado
O veredicto do xurado e a entrega de premios realizaranse o mesmo día do concurso, ás 19:00 h na praza Arquitecto Antonio Palacios.
Emitido o veredicto e realizada a entrega de premios, as obras non premiadas poderán ser retiradas polos/as autores/as.
Valoración do xurado
Na valoración do xurado teranse en conta os seguintes criterios:
- Acabado e limpeza do traballo.
- Manexo da cor ou da técnica creativa.
- Creatividade e orixinalidade.
- Composición e mensaxe.
Premios
Os premios establecidos pola organización son os seguintes:
- PERSOAS ADULTAS:
1º Premio: 1.500,00 €
2º Premio: 1.000,00 €
3º Premio: 500,00 € - MOCIDADE, ALEVÍN E INFANTIL:
Establécense 3 categorías de acordo coa idade, nas que haberá, para
cada unha delas, 1º, 2º e 3º premio, baseados en diferentes lotes de
material escolar:- Mocidade
a. Primeiro premio baseado nun lote de material escolar valorado en 75€.
b. Segundo premio baseado nun lote de material escolar valorado en 60€.
c. Terceiro premio baseado nun lote de material escolar valorado en 50€. - Alevín
a. Primeiro premio baseado nun lote de material escolar valorado en 75€.
b. Segundo premio baseado nun lote de material escolar valorado en 60€.
c. Terceiro premio baseado nun lote de material escolar valorado en 50€. - Infantil
a. Primeiro premio baseado nun lote de material escolar valorado en 75€.
b. Segundo premio baseado nun lote de material escolar valorado en 60€.
c. Terceiro premio baseado nun lote de material escolar valorado en 50€.
- Mocidade
Os premios poderán ser declarados desertos se se considera que non alcanzan un nivel artístico mínimo.
Todos os premios estarán suxeitos á normativa fiscal que proceda aplicar.
Cada obra optará a un único premio.
Ás persoas que resulten gañadoras na categoría de adultos/as seralles requirida a seguinte documentación:
- Fotocopia do DNI ou pasaporte.
- Certificado orixinal da conta bancaria.
Obras
As persoas participantes non poderán vender directamente a súa obra ao público durante a celebración do concurso.
O Concello non se fará responsable da perda, roubo ou deterioro da obra.
As obras premiadas pasarán a ser propiedade do Concello do Porriño.
O Concello reserva todos os dereitos de publicación e reprodución.
As persoas gañadoras do 1º premio non poderán volver participar nas dúas seguintes convocatorias.
A participación no concurso supón a total aceptación destas bases.
Publicidade
As presentes bases serán publicadas no taboleiro de anuncios municipal, na web ecultura.net e nas redes sociais do Concello do Porriño.