José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema

| Venres 9 de xuño. 2023
Círculo Recreativo Cultural » ver mapa

José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema

O Concello do Porriño participa no proxecto “José Gil. Pontevedra provincia de cinema, na orixe do cinema”, que levará este ano por toda a provincia exposicións, charlas, proxeccións e música.

O proxecto, financiado pola Deputación, en colaboración con Vía Láctea Films, Cine na Rúa e Editorial Galaxia, busca ao longo deste 2023 recoñecer e reivindicar a este visionario e pioneiro, que cimentou as bases do audiovisual galego e que vivíu na nosa parroquia da Lamosa.

José Gil montou no ano 1910 a primeira produtora de cinema da historia de Galicia. Levaba o cine a todos os recunchos de Galicia, un Cinemóbil, que será a peza central coa que este proxecto chegará a 30 concellos cos que este cineasta tivo relación durante a súa vida.

José Gil (As Neves, 1870-Vigo, 1937), realizou máis de 150 filmes documentais entre 1910 e 1935 no sur de Galicia e a pesar de ser “o pai do cinema galego”, segue a ser unha figura descoñecida e case nada queda da súa obra (só se conservan 7 películas). Desde a música que formou parte da súa vida, interpretada en directo por un dúo, ata o citado Cinemóbil baseado no seu “automotor de cine”.

Deste xeito, o proxecto multidisciplinar “José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema” aglutinará presentacións, exposicións, proxeccións, concertos e múltiples actividades moi vencelladas ao territorio entre febreiro e decembro. Manuel González é o autor do libro biográfico sobre o pioneiro do cinema, editado por Galaxia, que se presentará ao longo do ano no marco deste proxecto.


Programación venres 9 de xuño

  • Proxección para centros de ensino e visitas Cinemóbil Nº3
    Pola mañá • Círculo Recreativo Cultural • Actividade concertada cos centros educativos do Porriño
  • Proxeccións de balde para público xeral
    Dende as 20:00 h • Círculo Recreativo Cultural • Entrada libre e de balde ata completar prazas

Programación sábado 10 de xuño [ + info ]

  • Visitas Cinemóbil Nº3 e presentación do libro “Nos días encantados de agosto” (Manolo González, Ed. Galaxia. Premio Antón Losada Diéguez de Investigación e Ensaio)
    Dende ás 10:00 h • Praza Arquitecto Antonio Palacios
  • Sesión vermú: “As músicas de José Gil”. Concerto homenaxe a José Gil da Banda de Música Municipal do Porriño
    Ás 13:00 h • Praza Arquitecto Antonio Palacios (en caso de choiva, trasladaranse as actividades ao Círculo Recreativo Cultural)

A programación de “José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema” ocupará o espazo público durante unha fin de semana, chegando á veciñanza con actividades para todos os públicos como o Cinemóbil, que conterá os 16 paneis explicativos sobre o cineasta, que abordan a súa biografía e traxectoria na fotografía. Amais, están previstos encontros coa comunidade educativa de cada lugar, así como a exhibición e presentación de documentais, curtas e montaxes arredor deste pioneiro e a presentación do libro de Manuel González “Nos días encantados de agosto”.

A programación incluirá así mesmo sesión vermut, con música en directo, na que a Banda de Música do Porriño interpretará un programa composto por músicas relacionadas coa vida de Xosé Gil, e proxeccións audiovisuais sobre as obras conservadas de Gil, un documental de 55 minutos de Miguel A. Romero sobre o cineasta e unha curta cómica de Harold Lloyd proxectada por José Gil nos seus cinemas.

Igualmente, estará dispoñible un espazo web con toda a información sobre o cineasta e o proxecto para divulgar a súa figura: www.josegilcinema.gal


Proxección e visitas Cinemóbil Nº3

Cinemóbil Nº3

A exposición itinerante comeza no Cinemóbil Nº3, que é unha réplica exacta ao que utilizaba Gil en 1929. No interior do camión, un vídeo explicativo comunica o que significou na vida de José Gil para O Porriño.


José Gil no Porriño

José Gil no Porriño

O pai de José Gil, o garda civil Domingo Gil, estivera destinado na casa cuartel do Porriño a comezos de 1873, cando o futuro cineasta só tiña tres anos. O Porriño era un lugar de paso na visitas co seu Ford e as estadías na aldea natal, Rubiós (As Neves). Ao longo dos anos impresionou algunhas películas no Porriño como Campamento de tropas nas gándaras de Budiño que aparecían en Pontevedra y sus paisajes (Actualidades de Pontevedra) en 1924. O médico municipal do Porriño, Aquilino Álvarez Argüelles, era un grande amigo da familia, chegando a presidir o enterro da súa filla Rosa Gil en 1922 e asistindo aos funerais de María e Josefa.

No entanto, en agosto de 1925, a “Unión de Sociedades do Distrito de Porriño” de Bos Aires produciron un documental de 1.000 metros, Porriño y su distrito, para ser enviado á Arxentina con imaxes das diferentes parroquias do concello. Era unha das encargas habituais de José Gil por toda Galicia por ser considerado “o cineasta da emigración”. Lamentablemente, nesta ocasión o contrato de produción non recaeu na empresa de Gil, senón na produtora arxentina “América Hispana Films” do emigrado leonés León Artola. Supomos que o feito debeulle causar certo desgusto ao noso cineasta de Rubiós.

No verán de 1933 percorreu varias localizacións do concello filmando panorámicas do Porriño e as súas industrias e patrocinado pola empresa local, a fábrica de cerámica e ladrillos “Mas”. Esta fita integrábase no derradeiro Noticiario de Galicia (nº 11), sendo estreado no Teatro Diz o 22 de marzo de 1934.

Entre 1928 e 1933 -até a chegada do cinema sonoro- exhibíronse habitualmente documentais sobre Vigo e os Noticiarios de Galicia producidos por Galicia Cinegráfica no “Salón Diz” (1920-?), propiedade de Servando Diz Rey.


José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema


Cabecera-web-ecultura.png