| Xoves 5, 12 e 26 de marzo; xoves 9, 16, 23 e 30 de abril; e xoves 7 de maio. 2026
| De 18:00 a 19:30 h
| Biblioteca Municipal » ver mapa
| Requiere inscrición previa

Obradoiro de expresión e creación a partir da lectura e as artes escénicas. Impartido por Ana Abad de Larriva
Organiza: Biblioteca Municipal do Porriño
O Concello do Porriño, a través da Biblioteca Municipal, estivo a desenvolver durante os meses de marzo e a abril o obradoiro de expresión e creación Libros que latexan, que convidou a veciñanza a transformar a lectura nunha experiencia viva a través de ferramentas de diferentes campos artísticos.
Este xoves, 7 de maio, a sala de lectura da Biblioteca, sita no primeiro andar do Centro Cultural Municipal do Porriño (Avda. Domingo Bueno, 9), acollerá a última sesión desta actividade, que ás 18:30 horas se abrirá ás persoas interesadas para unha mostra en aberto dalgúns dos procesos e materiais desenvolvidos ao longo das oito sesións do obradoiro. A entrada é libre ata completar a capacidade do espazo e a mostra está concibida como un encontro íntimo de expresión e tamén de intercambio coas persoas asistentes.
O programa, impartido por Ana Abad de Larriva, coordinadora e dinamizadora do club de lectura municipal, estruturouse arredor de varios eixes temáticos (o latexo do espazo, das palabras, do corpo, da memoria e da voz, entre outros), que se interrelacionaron nun proceso lúdico e progresivo, combinando lectura sensorial, escritura creativa e expresión oral e corporal.
Ademais de fomentar a expresión e a creación nas persoas participantes e poñer en valor a vida dos libros, o obradoiro e esta mostra final aberta tamén reforzan o papel da Biblioteca Municipal como auténtica “casa dos libros” para a cidadanía: un lugar de encontro, relación, aprendizaxe permanente e intercambio creativo que contribúe ao desenvolvemento persoal e colectivo.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacara xa na presentación de Libros que latexan a importancia desta iniciativa cultural, que promove a participación e reforza o papel da biblioteca como motor social: “Queremos que a nosa Biblioteca sexa moito máis que un lugar de préstamo de libros; queremos que sexa un espazo vivo, onde a cultura se comparta, se experimente e se cree en comunidade. Libros que latexanrepresenta perfectamente esa filosofía: ler, sentir e transformar as historias en experiencia compartida”.
Libros que latexan. Trátase dun obradoiro de expresión e creación a partir da lectura e as artes escénicas (especialmente o teatro e a narración oral).
O taller ten como obxectivos principais reafirmar o papel da Biblioteca Municipal como “casa dos libros” e espazo de encontro e relación, aprendizaxe permanente, intercambio creativo e desenvolvemento persoal e colectivo; e poñer valor a vida dos libros e a súa capacidade para conectar as persoas.
Nesa liña, na súa vontade de contribuír ao benestar das persoas, a actividade responde a diferentes obxectivos da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, amparada pola ONU. Entre eles, atende a aqueles relacionados coa saúde e o benestar, a educación de calidade, a igualdade de xénero e a redución das desigualdades (obxectivos 3, 4, 9 e 10).
Lugar
O obradoiro realizarase no Centro Cultural Municipal do Porriño (Avda. Domingo Bueno, 9), que alberga a Biblioteca Municipal.
Número de sesións
Libros que latexan constará de oito sesións. A última conterá unha mostra final aberta do material creativo traballado e desenvolvido nas sesións previas.
Datas e horario
A actividade desenvolverase os xoves, en horario de 18.00 a 19.30 horas, nas seguintes datas: 5, 12 e 26 de marzo; 9, 16, 23 e 30 de abril; e 7 de maio de 2026.
Contidos e estrutura
- O latexo do espazo: habitar o contexto.
- O latexo das palabras (I): un achegamento sensorial á lectura.
- O latexo das palabras (II): unha semente para a escritura creativa.
- O latexo do corpo: exploración e desenvolvemento da expresión oral e corporal.
- O latexo da memoria: un achegamento aos libros vivos e a tradición oral.
- O latexo dunha voz: un achegamento á personaxe e á persoa escénica.
- Sístole e diástole: a unión das fases para crear un novo pulso.
- Ensaio final e mostra viva final.
Cada sesión centrarase nun contido, pero relacionaranse todos entre si e estarán todos presentes en cada un dos encontros, dende un achegamento lúdico, progresivo e adaptado ás persoas participantes.
Inscrición
A actividade estará aberta a toda a poboación a partir de 16 anos, potenciando o diálogo interxeracional. As persoas interesadas poderán inscribirse na Biblioteca, terán preferencia as persoas censadas no Concello do Porriño.
Organización e impartición
O obradoiro será impartido por Ana Abad de Larriva, en colaboración coa Biblioteca Municipal do Porriño.
Ana Abad de Larriva é a coordinadora e dinamizadora do club de lectura municipal. Ademais de ter experiencia desenvolvendo diferentes actividades de animación sociocultural e teatral, mediación e comunicación cultural; é escritora, actriz, cantautora, creadora e docente de artes escénicas, con formación superior en Arte Dramática e unha tese doutoral en Comunicación e Artes Escénicas.

