Louriña TV Escolar

| Emitindo a partir de marzo de 2021
| Centros de educación do Concello do Porriño
| Actividade concertada

Louriña TV Escolar


Desde a Concellería de Educación xunto coa OMIX do Concello, creemos que a información é esencial hoxe en día. Ademais, as noticias máis próximas son as que máis nos interesan. No caso dos máis novos, que non adoitan ter un especial interese polos informativos, podemos espertar ese interese na aula a través de actividades que lles enriquezan e motiven.

A mellor maneira de que entendan o mundo no que viven, é que participen da información e, desta, a máis próxima é a que máis pode interesarlles.

Consideramos pois a oportunidade de por en marcha unha canle de TV Escolar Municipal como proxecto colectivo de innovación educativa na que poidan estar implicados todos os centros educativos deste termo municipal.
Trátase desenvolver como ferramenta educativa participativa, colectiva, transversal e gratuíta na que se impliquen nenas e nenos de distintos niveis de cada un dos centros.

A realización desta iniciativa é compatible con calquera metodoloxía de traballo e proxecto xa posto en marcha, polo que pode ser un elemento adicional interesante para complementar outras áreas ou proxectos.
Ademais é escalable para axustarse as distintas idades, aos tempos ou as necesidades de cada centro, podendo facer edicións de vídeo máis complexos con alumnado de mais idade ou guións máis elaborados na materia de lingua, así como vídeos curtos sen edición gravados co móbil para estudantes de primaria.


Obxectivos

A posta en marcha desta iniciativa responde a idea de:

  • Motivar ao alumnado e implicar a toda a comunidade educativa nunha tarefa conxunta, nun momento no que resulta especialmente difícil realizar traballos conxuntos.
  • Dinamizar a súa participación na vida académica e social da comunidade, mediante o uso das novas tecnoloxías e das redes sociais tan presentes na actualidade.
  • Contribuír ao desenvolvemento do talento do alumnado, e achegar o froito do seu traballo a veciñanza do Porriño.
  • Desenvolver os seus coñecementos sobre o mundo do xornalismo audiovisual.
  • Desenvolver novas formas de comunicación a través dunha linguaxe atractiva e próxima para eles.

O proxecto supón un desenvolvemento psico-pedagóxico moi completo para o alumnado en
diferentes áreas:

  • Mellora da expresión oral e escrita
  • Desenvolve capacidades relacionais e sociais e aptitudes creativas e a imaxinación
  • Traballar a conducta: responsabilidade, compromiso co traballo, colaboración, organización, traballo en equipo

Descrición dos traballos concretos a realizar

O que propoñemos é unha actividade que lles axude a crear a súa propia televisión escolar no centro con noticias sobre o seu centro, a súa contorna e a súa cidade. Que aprendan a interpretar e informar sobre a realidade que lles rodea e vaian interesándose polo mundo no que viven a través dos informativos. Trátase de crear unha canle de TV Escolar en internet, onde o alumnado poida participar e poñer en valor o que aprenden nas diversas materias de Lingua, Tecnoloxía,…

Nesta primeira fase a modo experimental ata finais de curso, elaboraremos un programa piloto por parte de cada un dos centros interesados. Co inicio do próximo curso, arrancaría a programación definitiva con unha programación semanal estable, elaborada de xeito alternativo por cada un dos centros escolares participantes, co apoio de persoal técnico externo.

Cada centro elixirá un grupo/curso (entre o alumnado de 2º e 3º Ciclo Primaria ou Secundaria) co que preparar un telexornal con noticias do centro, do concello ou da comarca, e un documental sobre unha temática de interese ou actualidade no concello de non mais de 10 minutos cada un.

Realizaremos un obradoiro de formación teórica con cada un dos grupos e logo eles deberán preparar os correspondentes guións. O equipo técnico externo facilitara o deseño da identidade gráfica, cabeceiras e rótulos, e apoiará tanto na gravación coma na montaxe final de cada unha das pezas.

Todos os programas serán recollidos nunha web específica do proxecto, que tamén contará coas seus correspondentes perfís nas principais redes sociais para acadar así maior difusión. Esta difusión deberá ser apoiada polos centros dende as súas webs, blogs e redes sociais.

O primeiro video co que arrancamos esta andadura é o corresponente os alumnos do CEIP de Mosende coa colaboración das voces dos alumnos do CPR. Hnos. Quiroga.

















Cabecera-web-ecultura.png