| Luns 21 de outubro. 2024
| Ás 20:00 h
| Círculo Recreativo Cultural » ver mapa
| Entrada libre e de balde ata completar prazas
Ciclo Clásico “Antonio Palacios”. Concerto de música de salón de compositores pontevedreses dos séculos XIX e XX
Alejo Amoedo, piano
Con motivo do centenario da Casa do Concello e o 150 aniversario do nacemento do soado arquitecto Antonio Palacios, O Porriño acolle un ciclo de música clásica que promete ser unha homenaxe á rica tradición cultural da rexión. Este evento levarase a cabo do 19 ao 27 de outubro no Centro Cultural Municipal, Círculo Recreativo Cultural e na igrexa de Santa María do Porriño.
O luns 21 de outubro ás 20:00 horas no Círculo Recreativo Cultural terá lugar o concerto “A mansión dos anxos. Música de salón de compositores pontevedreses do XIX e XX”, interpretado por Alejo Amoedo, que explorará as pezas máis significativas da época.
Programa
Alejo Amoedo, piano
- Marcial Valladares Núñez (Vilancosta, A Estrada, 1821 – 1903). La despedida, valse
- Teodosio Vesteiro Torres (Vigo, 1847 – Madrid, 1876). – Inocencia, mazurca
- Manuel Martí Pérez (Vigo, 1819 – 1873). La Traviata, fantasía
- Ángel Rodulfo González (Baiona, 1880 – Vigo, 1956). Preludio. La Virgen de la Roca
- María Luisa Sanjurjo de Oza (Vigo, 1893 – 1949). Miña terra. «Gallegada para piano»
- Manrique Villanueva Domínguez (A Coruña, 1885 – Vigo, 1970). Ilusión. «Vals lento para piano»
- Joaquín Carsi Rivera (Vigo, 1862 – 1918). Xa non máis te verei. «Tango vigués»
- Isidro Puga Otero (Pontevedra, 1869 – 1935). Ideal. «Tanda de valses»
- Felipe Paz Carbajal (Pontevedra, 1850 – Noia, 1918). La mansión de los ángeles. «Tanda de valses»
- Antonio I. Paz Valverde (Porriño, 1937- 2022). Rosas y gardenias, valse
Alejo Amoedo
Piano
Especializado no repertorio de compositores/as galegos/as, realiza estudios de acompañamento vocal en Madrid co lendario pianista Miguel Zanetti. Alejo é doutor pola Universitat Politècnica de Valencia.
A súa ampla traxectoria, no eido da música de cámara, levouno á realización de numerosos recitais nos que destaca a estrea de obras de Carlos López García-Picos, Rogelio Groba, Luís Carro, Juan Durán, Margarita Viso, Miguel Brotóns, María Mendoza, entre outros.
Dos seus traballos discográficos destacan o triplo CD Antoloxía de Compositores Galegos (Ouvirmos, 2013), xunto ao clarinetista Asterio Leiva; os realizados co trompetista Rubén Simeó, Virtuosimo Barroco (2011), Fantasy Trumpet (2012) e Trumpet Comtemporary (2013), producidos en Portugal por Jose Lourenço; Mélodies (Mans, 2012), con Iria Cuevas, mezzosoprano; Cantos que veñen de lonxe (Eme, 2014), poemas de Xosé Neira Vilas, musicados por Xervasio Vázquez, coa voz de Cesáreo Torres; Evocación (Dos Acordes, 2016), coa obra para piano só de Reveriano Soutullo; Cantos á natureza (Fervenzas, 2018), ao carón da soprano Susana de Lorenzo e o tenor Cesáreo Torres, con textos póstumos de Xosé Neira Vilas e musicado polos compositores/as Juan Durán, Margarita Viso, María Mendoza, Xabier Comesanha e Paulino Pereiro; Saudades d’alborada. Baladas e zarzuelas galegas (Dos Acordes, 2021), xunto a soprano Dolores Crespo; e o máis recente, (di) Versos Femeninos (RDC, 2022) coa mezzosoprano Nuria Lorenzo e a música de Juan Durán, producido por Antonio Cid.
Foi pianista acompañante nos conservatorios profesionais de Pontevedra e Vigo; na Escola Superior de Música e dás Artes do Espectáculo de Porto (Portugal); e na Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago de Compostela. Na actualidade pertence ao Corpo de Catedráticos de Música e Artes Escénicas da Xunta de Galicia na especialidade de Repertorio para Piano con Instrumentos, con destino no Conservatorio Superior de Música de Vigo.
É un dos integrantes do colectivo cultural Pertenza; asesor da Fundación Reveriano Soutullo Otero; e membro fundador da Irmandade da Música Galega, asociación que ten como obxectivo a preservación e divulgación da música galega. Recentemente foi elixido membro electivo do Plenario do Consello da Cultura Galega (2022) e nomeado vogal da súa Comisión Executiva, así como coordinador do Arquivo Sonoro de Galicia.
Acaba de ser galardoado co «Premio da Crítica de Galicia» (2021) e co «Premio da Música Gregorio Baudot» (2022), este último concedido pola Sociedade Artística Ferrolana.