Obradoiro: “A maxia da visión”

| Do 27 de febreiro ao 3 de marzo. 2023
| Actividade concertada cos centros de ensino do Porriño

Obradoiro: “A maxia da visión”

Obradoiros de divulgación, experimentación e prevención visual a través de dinámicas de xogo.
Concellería de Educación e OMIX do Porriño


A Concellería de Educación e a OMIX do Concello do Porriño levarán a cabo, desde o 27 de febreiro e ata o 3 de marzo de 2023, 10 obradoiros destinados ao alumnado de 5º de Educación Infantil nos centros educativos do Porriño e en horario lectivo. Participarán nesta actividade un total de 157 alumnos/as.

Esta iniciativa é de gran relevancia, posto que a visión é a canle predominante no sistema de aprendizaxe actual pero é “silenciosa”, é dicir, a maioría das alteracións visuais pasan desapercibidas a idades temperás. Os/as cativos/as non expresan e non son conscientes de que outro modo de ver é posible. Porén, sábese que a visión é o sentido polo que recibimos ata un 80% do mundo exterior polo que calquera alteración visual pode afectar dun xeito moi significativo no rendemento e desenvolvemento infantil.

A través dunha dinámica de xogo e sorpresa, acompañaremos os/as máis pequenos/as a descubrir a súa capacidade visual para entender o mundo que os/as rodea e investigar se hai algunha interferencia nos xogos que experimentemos.


O obradoiro constará de dúas partes ben diferenciadas:

  • Unha primeira parte será co grupo completo no que, a partir de imaxes, preguntas ou experimentos, se lles invitará a reflexionar e descubrir información sobre o sentido da vista.
  • Na segunda parte, en grupos máis reducidos, terán que ir pasando por catro estacións con diferentes propostas, sempre a través de dinámicas de xogo.
    1. “Ver sen os ollos”: xogos de visualización onde se explorará a relación das canles visual e táctil, e o xeito en que esta nos permite, a través das mans, facer unha representación mental.
    2. “O pirata e ollo que manda”: xogos para coñecer a predominancia visual motora e sensorial,  así como ter unha aproximación de se existe moita asimetría na agudeza entre ambos os ollos.
    3. “A maxia”: xogos para descubrir a coordinación binocular e a visión 3D ou estereoscópica, que nos permiten entender o mundo tridimensional a partir dun cálculo preciso de distancias e da formación dunha imaxe única e estable no cerebro.
    4. “O gran detective”: xogos de rastrexo e percepción visual para adestrar a eficacia oculomotora e experimentar a necesidade dunha boa discriminación e atención visual co fin de obter un bo rendemento e conseguir os obxectivos propostos.

A finalidade da actividade é que os/as pequenos/as experimenten a diferenza de visión entre ambos os ollos e que poñan a proba a súa visión estereoscópica (visión en 3D), entre outras habilidades visuais e de percepción visual, para coñecer máis sobre o proceso visual.

Cada taller terá unha duración aproximada de 50 minutos en grupos de 24 alumnas/os, como máximo.

A responsable de impartir o obradoiro será a optometrista Laura Alonso Coto, especializada en optometría clínica, pediátrica e terapia visual, así como con diversas formacións no ámbito do neurodesenvolvemento, a neuroloxía e a fisioloxía do sistema visual. Ademais é docente para entidades profesionais como a Asociación Española de Ópticos – Optometristas, onde imparte actualmente cursos para outros/as compañeiros/as de profesión sobre a implicación do sistema visual na aprendizaxe.


Concellería de Educación do Concello do Porriño OMIXCabecera-web-ecultura.png