Obradoiro pola igualdade “Arreglando letras”. A cargo da soprano Esperanza Mara

| Días 14 e 15 de abril. 2021
| Horario lectivo
| Centros de educación secundaria do Concello do Porriño
| Actividade concertada
| Concellería de Igualdade | Concellería de Normalización Lingüística | OMIX do Porriño

Obradoiro pola Igualdade: Arreglando letras

Arreglando Letras é unha iniciativa educativa sobre a perspectiva de xénero na música, destinada a un público xuvenil dos centros CPR Hnos. Quiroga, CPR Sto. Tomás, IES Ribeira do Louro e IES Pino Manso, en horario lectivo.


A música, como elemento cultural fundamental de gran consumo por parte da mocidade, non pode illarse do debate sobre a desigualdade e as violencias de xénero. A música, pola súa capacidade de influencia, pódese convertir nunha importante ferramenta educativa, á vez que gozamos dela.

Partindo desta premisa, a soprano Esperanza Mara propón unha alternativa didáctica para sensibilizar da gravidade da normalización de condutas e estereotipos presentes en diferentes xéneros musicais, fomentando un consumo crítico e consciente entre a xente nova.

Esperanza crea, co alumnado da ESO, espazos de debate e análise colaborativa sobre letras de cancións cunha linguaxe de odio, menosprecio ou que inciten a patróns de condutas sexistas; e así realizar unha reflexión crítica sobre a apoloxía da cousificación da muller, os estereotipos violentos e machistas, mesmo desvelando aqueles aspectos que poden pasar desapercibidos pero están presentes, incluso dende a nosa infancia.

A metodoloxía do obradoiro céntrase no “learning by doing”, dótase ao alumnado de ferramentas creativas para mudar a realidade dun xeito participativo e activo, fomentando a súa implicación en termos de igualdade e inclusión, onde están presentes recursos de composición musical básicos cos que os participantes poden complementar a súa formación académica.


Esperanza Mara

Esperanza Mara é artista e creadora multidisciplinar dobremente licenciada en música na variante de canto e violonchelo barroco (Conservatorio Superior de Vigo e Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo de Oporto). Posúe un mestrado en Interpretación en Música Antiga na especialidade de canto e na actualidade realiza o mestrado en Investigación Musical.

No 2018 crea Emanarte para a promoción e difusión da música clásica, onde desenvolve proxectos como Tecendo Soños, de recuperación de nanas de tradición oral, ou Óperabreak´s, que fusiona ópera e cultura urbana.


Centros participantes:

CPR Hnos. Quiroga, CPR Sto. Tomás, IES Ribeira do Louro e IES Pino Manso.

Actividade concertada cos centros educativos. Participarán un total de 87 alumnos/as.


Cabecera-web-ecultura.png