Obradoiros de Podcast

| Días 20 e 21 de marzo, e 12, 13, 14, 24 e 27 de abril. 2023
| Actividade concertada cos centros de ensino do Porriño

Obradoiros de Podcast

Concellería de Educación e OMIX do Porriño


A OMIX, xunto coa Concellería de Educación do Concello do Porriño, levará a cabo, o 20 e 21 de marzo e 12, 13, 14, 24 e 27 de abril de 2023, a actividade “Obradoiros Podcast”, obradoiros totalmente prácticos e participativos, que serán realizados polos centros de Educación Primaria do Porriño en horario lectivo.

Os podcasts convertéronse nun recurso educativo de moito valor, xa que melloran a comprensión e a expresión oral, ademais de que axudan a desenvolver habilidades da linguaxe e a comunicación. Entre outras axudas educativas, a creación dun podcast estimula a imaxinación contando sen imaxes, reforza a aprendizaxe, potencia a comunicación, axuda na aprendizaxe colaborativa e aumenta a motivación.

Dende moito tempo atrás, estamos a usar para todo a linguaxe escrita nas clases, e fomos esquecendo a narración oral. Pedir traballos ao alumnado en formato podcast, axuda igualmente coa linguaxe escrita ao ter que escribir un guión e, sobre todo, potencia a narración oral, hai que contar e saber como contalo.


Obxectivos:

Que o alumnado sexa capaz de preparar, escribir, gravar e editar un podcast como traballo de clase, ou como un evento especial durante o curso escolar (Entroido, Samaín, Nadal, Día da Paz, Día da Radio etc.) daráselle a posibilidade ao alumnado de escoitar os traballos dos/das seus/súas compañeiros/as, fomentando a propia web do centro ou a través das redes sociais.


Estes obradoiros van dirixidos a 189 alumnos e alumnas de  4º Educación Primaria.


Concellería de Educación do Concello do Porriño OMIXCabecera-web-ecultura.png