Pasarrúas do Grupo Traspés

| Sábado 11 de febreiro. 2023
| Ás 12:00 h
| Rúas da vila

Pasarrúas do Grupo Traspés

O Grupo de Música e Baile Tradicional Traspés fundouse a finais do ano 2009 en Vigo por un grupo de amigos, todos eles cunha importante traxectoria no eido do folclore tradicional. Unidos non só pola amizade senón por compartir as mesmas inquedanzas, todas elas baseadas na investigación, recuperación e conservación das nosas tradicións, comezaron con este interesante proxecto.

A vontade da entidade é a de promover e realizar actividades culturais vinculadas coa tradición galega tratando de adaptalas ás novas tecnoloxías e á nova realidade sociocultural.

O Grupo de Música e Baile Tradicional Traspés ten como misión fundamental a recuperación, investigación, conservación e difusión do folclore tradicional galego. Nesta tarefa búscase a maior pureza e semellanza coa realidade e pretende ser unha ferramenta de transmisión da arte popular de Galicia. Para levar a cabo tal fin, realízanse espectáculos de grande magnitude que se representan tanto na nosa comunidade, Estado, así como no estranxeiro, a través dos festivais internacionais onde participa.

O Grupo de Música e Baile Tradicional Traspés está formado por catro seccións:

  • Grupo de baile: o corpo de baile do grupo artístico Traspés está composto por 11 parellas mixtas, encargadas de interpretar aquelas danzas recollidas pola agrupación durante a súa traxectoria. Desenvolven un labor etnográfico de recompilación e recuperación, acudindo a exemplos e relatos das persoas que aínda gardan viva na súa memoria o facer doutro contexto e momento histórico. Este traballo desenvólvese regularmente por toda Galicia, visitando os lugares onde viven os informantes, documentando mediante audio e vídeo toda a información recollida para o seu estudo e posterior reinterpretación, tentando ser o máis fieis posible á tradición de partida.
  • Pandereteiros: formado por dez voces masculinas, dedícanse á interpretación de cantos de tradición orarl acompañados de percusión. Estes cantares son recollidos directamente dos informantes por toda a xeografía galega, respectando sempre as características propias de cada zona: xeitos de emisión, técnica de acompañamento, tipos de instrumentos empregados, repertorio e estilo. A posta en escena pretende transmitir a forza dunha tradición musical do rural galego, e axudar ao mesmo tempo, a mantela viva.
  • Pandereteiras: igual que a sección anterior, pero neste caso con voces femininas, o grupo de pandereteiras Traspés traballa tamén na recuperación e divulgación da música vocal en Galicia. Son dez as mulleres que integran esta sección, recollendo o testemuño de moitas outras mulleres antes principais intérpretes e transmisoras do canto popular galego, presente en moitos momentos da vida dos nosos devanceiros.
  • Grupo de Música Tradicional: a charanga da agrupación está formada actualmente por dúas gaitas, dous clarinetes, saxo alto, saxo tenor, acordeón, caixa, bombo con pratos e pandeireta. O seu repertorio baséase fundamentalmente en músicas bailables, recollendo o testemuño doutras formacións instrumentais anteriores, nas que a gaita estaba presente como instrumento principal, e á que se foron engadindo ademais da percusión, outros instrumentos de vento, amenizando as festas, e moitas das veces, desenvolvendo o papel das bandas de música.


Cabecera-web-ecultura.png