Pleno infantil polo Día Mundial da Infancia 2023

| Luns 20 de novembro. 2023
| Ás 10:00 h.
Salón de plenos do Concello » ver mapa
| Entrada libre e de balde ata completar prazas

Pleno infantil polo Día Mundial da Infancia 2023

Organizan: Concellería de Educación, Concellería de Infancia e OMIX do Concello do Porriño


No día Mundial da Infancia celebramos os avances conseguidos, pero sobre todo é unha data para chamar a atención sobre a situación dos nenos e nenas máis desfavorecidos, dar a coñecer os dereitos da infancia e concienciar as persoas da importancia de traballar día a día polo seu benestar e desenvolvemento.

Desde o noso concello traballamos todo o ano para conseguir cambios reais na vida de nenas e nenos, e o Día Mundial da Infancia é un momento clave para sumarnos a este chamamento mundial a favor da infancia e dos nenos/as máis vulnerables.

Para atopar o pulso dos intereses da infancia e da adolescencia no transcurso deste ano, e a través dunha consulta cos organismos que traballan sobre as temáticas de interese para eles/elas, déuselle prioridade ao tema da “Protección e prevención da violencia contra a infancia e a adolescencia”, xunto co seguimento do cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable.

O alcalde convocou este novo pleno infantil para cumprir co compromiso adquirido de conmemorar cada ano o día dos dereitos da infancia; pero tamén, para solicitar o apoio e compromiso dos nenos, nenas e adolescentes na resposta aos retos da situación actual, e para impulsar e cumprir cos obxectivos da Axenda 2030, con máis equidade e, sobre todo, con máis oportunidades de prosperidade para todas e todos.

Neste pleno, os/as portavoces de cada un dos centros terán a oportunidade de transmitirlle de primeira man, tanto ao alcalde coma ao resto de concelleiros e concelleiras, o resultado do traballo feito cos seus compañeiros/as nas aulas mediante a exposición de achegas sobre os dereitos da infancia, poñendo o foco na protección e prevención da violencia contra a infancia e a adolescencia e falarán das súas necesidades e preocupacións, centrándose en como lles está a afectar aos seus dereitos.

Na orde do día tamén está recoller propostas para a realización de actividades durante este Nadal; someter a votación a continuación, desde o Concello, da iniciativa centrada na recollida de alimentos e produtos de hixiene infantís, unha necesidade que nos trasladan dende Asuntos Sociais, para que posteriormente sexan clasificados e repartidos entre as familias con menos recursos do concello e en colaboración co SOS.

Esta actividade, promovida polas concellerías de Infancia e Educación, a través da OMIX, poderá seguirse dende a web do Concello, o que facilitará a participación do resto da comunidade educativa e público en xeral, que poderá interactuar igual ca en anteriores ocasións a través do cancelo #PlenoInfantilPorriño.

Ademais, para celebrar o Día Mundial da Infancia, o luns 20 de novembro iluminarase o concello de cor azul.


Día Universal da/o Nena/o

O Día Universal do/a Nena/o, que se celebra todos os anos o 20 de novembro, é un día dedicado a todas as nenas e nenos do mundo.

É un día de celebración polos avances conseguidos, pero sobre todo é un día para chamar a atención sobre a situación das nenas e nenos máis desfavorecidas/os, dar a coñecer os dereitos da infancia e concienciar as persoas da importancia de traballar día a día polo seu benestar e desenvolvemento.

O Concello do Porriño, desde o ano 2018, ten o selo de Cidade Amiga da Infancia que outorga UNICEF e traballamos conxuntamente todo o ano para conseguir cambios reais na vida das/os nenas/o. O Día Universal da Infancia é un momento clave para sumarnos a este chamamento mundial a favor da infancia e das/os nenas/os máis vulnerables.

O obxectivo do Día Universal da/o Nena/o é recordarlle á cidadanía que as/os máis pequenas/os son o colectivo máis vulnerable e, polo tanto, o que máis sofre a crise e os problemas do mundo.

A Asemblea Xeral da ONU recomendou en 1954 destinar un día para fomentar a fraternidade entre as nenas e os nenos do mundo, así como promover o seu benestar con actividades sociais e culturais.

As Nacións Unidas celebran este Día Internacional da/o Nena/o en honor á aprobación da Declaración dos Dereitos da/o Nena/o en 1959 e á Convención sobre os Dereitos do Neno en 1989, o tratado internacional máis ratificado da historia.

Este día mundial recorda que todas/os as/os nenas/os teñen dereito á saúde, á educación e á protección, independentemente do lugar del mundo no que naceran.

Dedicarlle un día internacional á infancia tamén serve para facer un chamamento mundial sobre as necesidades dos/das máis pequenas/os e para recoñecer o labor das persoas que cada día traballan para que nenas e nenos teñan un futuro mellor.

O 20 de novembro é unha ocasión especial para que todo o mundo coñeza os dereitos da infancia e para recordar a importancia de traballar para conseguir o benestar de todas/os nenas/os do planeta.

Desde a OMIX e a Concellería de Educación, queremos concienciar a nosa veciñanza de que é un bo día para coñecer as distintas formas de colaborar coas/cos nenas/os máis vulnerables, para que os seus dereitos sexan recoñecidos e garantir o seu benestar e desenvolvemento.


Pleno infantil polo Día Mundial da Infancia 2023


Cabecera-web-ecultura.png