Presentación do libro “Lume”, premio Roberto Vidal Bolaño 2022, de José Luis Baños de Cos

| Xoves 1 de xuño. 2023
| Ás 19:00 h
Centro Cultural Municipal » ver mapa


A quinta edición do Premio de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño premiou en setembro de 2022 a José Luis Baños de Cos, coa súa obra “Lume”. Agora preséntase o libro no Centro Cultural Municipal.

O xurado do certame, organizado polo IES Ribeira do Louro e a editorial Galaxia en colaboración co Concello do Porriño, decidiu por unanimidade outorgarlle o premio ao ser unha obra moi acaída pola temática e pola linguaxe empregada para a súa representación ou lectura nos centros de ensino secundario.

O xurado, formado polo dramaturgo Ernesto Is, a actriz Cecilia Vázquez, o profesor do IES Ribeira do Louro, Delio García, e Raquel Castro, como secretaria, destacou da peza que sexa unha obra que aborda o tema das diversas violencias sociais , como a homofobia ou a violencia de xénero, das que todas as persoaxes sofren as consecuencias. A escrita, cunha dramaturxia que mestura relato e drama, dalle relevancia ás partes grupais, onde a xeito de coro clásico agroma a conciencia social.

José Luis Baños de CosJosé Luis Baños de Cos
Foto: Eva Camba


Lume

Roi, un rapaz de dezaseis anos, cunha vida igual á doutros rapaces da súa idade, toma unha serie de decisións que o levarán a cometer un horrible crime. Cal é a causa pola que isto sucede? A verdadeira protagonista de Lume é a violencia, cada vez máis presente na nosa sociedade, con múltiples formas e, en moitos casos, agochada tralo anonimato da masa grupal. Contada de xeito non lineal, ademais de Roi, tamén teñen cabida as voces dos seus achegados, que amosan os feitos e as súas consecuencias desde diversos puntos de vista. Lume é unha invitación a preguntarnos de onde procede a violencia.

Lume, de José Luis Baños de Cos


Cabecera-web-ecultura.png