Programa Corto e Cambio 2023

| Durante os meses de marzo, abril e maio. 2023
| Actividade concertada cos centros de ensino do Porriño

Programa Corto e Cambio 2023

Organizan: Concellería de Educación e OMIX do Porriño
Financiado por: Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia


Obradoiro de creación de curtametraxes sobre prevención do consumo de tabaco, alcol e drogas entre adolescentes.

A Concellería de Sanidade e a  OMIX do Concello do Porriño, levarán a cabo neste curso escolar,  dende marzo ata maio de 2023 o programa “Corto e Cambio” polos centros educativos de secundaria do Porriño, dirixido a un total de 165 alumnos/as de 4º da ESO, en horario lectivo e con 6 sesións de traballo con cada aula.

Este programa fundaméntase, principalmente, na Teoría da Aprendizaxe Social, que explica que as persoas se inician no consumo de drogas a través dos procesos de modelado e reforzamento que son mediatizados por factores persoais.

Incorpora, así mesmo, elementos do modelo de educación para a saúde, a través da adquisición activa de información baseada na evidencia, a promoción e adestramento das habilidades persoais necesarias para adoptar medidas destinadas a mellorar a propia saúde.

Tamén se ten en conta o modelo evolutivo, que indica que habitualmente o consumo de drogas legais precede ás ilegais; isto non implica que a progresión sexa inevitable senón que a probabilidade ou o risco de consumir drogas ilegais aumenta co consumo de tabaco e alcol, polo tanto o obxectivo dos esforzos preventivos dirixidos á comunidade adolescente debe ser  reducir ou previr o consumo destas substancias.

O principal é tratar de involucrar o alumnado nunha tarefa creativa común, na que, a través de recursos audiovisuais, os mozos e mozas participantes traballen a temática e reflexionen sobre as problemáticas e consecuencias:

  • Coñecer as consecuencias físicas, psíquicas e sociais derivadas do consumo das distintas drogas.
  • Desenvolver capacidades e habilidades que lles posibiliten tomar decisións responsables e coherentes co valor da saúde.
  • Adquirir coñecementos e habilidades dirixidas a minimizar os riscos asociados ao consumo de drogas.
  • Desenvolver unha actitude positiva e de respecto cara ás persoas non consumidoras.
  • Corrixir ideas e crenzas erróneas respecto ao consumo de drogas.

Traballarase todo o que rodea a elaboración dun documental sobre esta problemática, dende unha metodoloxía de aprendizaxe significativa, cunha forte presenza das novas tecnoloxías, baseándonos na utilización de curtametraxes e recursos audiovisuais realizados por alumnas e alumnos de idades similares ás súas, de xeito que sexa máis doado empatizar e implicalos/as á hora de traballar contidos que integran os elementos básicos para entender a problemática e as súas consecuencias.

O resultado  será presentado na semana na que está previsto o Festival de Cans deste ano.

Dito programa está financiado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. (Código de procedemento SA463G).


Cabecera-web-ecultura.png