Proxección de documentais

ACTUALIZACIÓN: cambio de localización por previsión meteorolóxica adversa

| Venres 1 de outubro. 2021
| Ás 21:30 h.
Praza Arquitecto Antonio Palacios Auditorio interior do Centro Cultural Municipal » ver mapa

Proxección de documentais. Festas do Cristo 2021. Concello do Porriño

Incluído na programación das Festas do Cristo 2021.


  • Cesteiros de Mondariz (Cía. Escénate, Concello de Mondariz)
  • Tramas de vimbios, achega á cestería (Julia de la Cal)

Cesteiros de Mondariz

A memoria da cestería tradicional de Mondariz, documentada para inspirar un proxecto de recuperación do oficio.

Cesteiros de Mondariz. Proxección de documentais.

O documental, enmarcado no proxecto “Cesteiros de Mondariz”, está producido pola compañía EscénaTe e conta con recoñecidos cineastas galegos no seu equipo artístico, como o director Fon Cortizo e o guionista Alexandre Cancelo.

A historia do último mestre cesteiro de Mondariz, Enrique Táboas, serve de fío para tecer narrativamente a memoria colectiva do oficio e os aspectos culturais que o rodeaban, como o verbo dos cesteiros da localidade e a íntima relación coa natureza.

Punto de partida

Durante xeracións e xeracións, Mondariz atesourou unha tradición cesteira propia moi apreciada en Galicia e mesmo en Portugal que se caracterizaba polo uso de láminas de madeira, en vez de vimes, e polo refinamento da confección artesanal. Até as últimas décadas do século XX, eran poucas as casas do Concello de Mondariz que non tiñan cesteiros na familia. Nunha economía de subsistencia, a artesanía era a actividade que permitía obter ingresos. O oficio transmitíase de pais a fillos, tanto no taller como no monte, pois o coñecemento das árbores que servían de materia prima para os cestos, como os castiñeiros e os carballos, era tan importante como a técnica na utilización das ferramentas.

Os cesteiros de Mondariz, ademais de vender os seus produtos nas feiras da contorna, como Ponteareas ou O Porriño, traballaban como artesáns itinerantes durante boa parte do ano. Ás localidades da costa atlántica ían para elaborar e suministrar patelas, un tipo de cesto cadrado con bordo baixo que era empregado principalmente para gardar o peixe. Ao interior da provincia de Ourense desprazábanse para fabricar cestos destinados á vendima e outros labores agrícolas. O gremio de cesteiros da localidade
mesmo chegou a desenvolver un verbo propio para comunicarse entre si. Este, sen embargo, foise perdendo nas últimas décadas do século XX coa progresiva diminución de artesáns.

A chegada dos produtos de plástico, moito máis baratos que os cestos tradicionais de láminas de madeira, deu a estocada final ao oficio, que deixou de ser rendible e mesmo interesante para as novas xeracións. Hoxe en día, tan só existe un cesteiro en activo que conserva a tradición artesanal de Mondariz. Trátase de Enrique Táboas (1955), fillo e neto de cesteiros de Mondariz, pero asentado en Sanxenxo.

Un documental que aporta visión de futuro sobre o oficio

A historia de Enrique Táboas, como último mestre cesteiro de Mondariz, serve de fío para tecer narrativamente a memoria colectiva do oficio e os aspectos culturais que o rodeaban, como o verbo dos cesteiros e a íntima relación coa natureza. Sen embargo, non é a única fonte do documental, que tamén recolle as testemuñas doutras persoas relacionadas coa tradición cesteira da localidade desde diferentes perspectivas, como o etnógrafo Clodio González, experto en arte popular; o filólogo Jorge Rodrigues, experto en xergas gremiais; a cesteira contemporánea Idoia Cuesta, fincada na Galicia rural e renovadora do oficio; ou veciños e veciñas de Mondariz que comparten as súas memorias sobre aquel modo de vida extinguido.
O documental non se presenta como unha obra audiovisual etnográfica, senón como un traballo de recuperación da memoria colectiva con clara visión de futuro. Aspectos como a contribución das mulleres e a relación da comunidade cesteira con medio natural teñen un gran protagonismo e conectan co presente e co futuro.

A produción do documental corre a cargo do Concello de Mondariz, como institución receptora da axuda do programa O Teu Xacobeo que financia o proxecto, e da compañía EscénaTe, liderada por Santiago Pérez, vencellado familiarmente a Mondariz. No seu equipo artístico figuran recoñecidos nomes do panorama audiovisual galego, como o director Fon Cortizo, que foi premiado na última edición do Festival Internacional de Cine de Xixón coa súa longametraxe “9 Fugas”, ou o guionista Alexandre Cancelo, que tamén acredita unha prometedora traxectoria como creador audiovisual.

Detrás hai un ambicioso proxecto de recuperación

A produción deste documental contextualízase nun proxecto máis ambicioso de recuperación de saberes, desenvolvemento económico local e sostibilidade que xira ao redor da cestería de láminas de maneira propia de Mondariz. O que se busca é formar a cesteiros e cesteiras para que se poida manter a tradición local e renovar o oficio a través da innovación creativa das novas xeracións; ao mesmo tempo, promover na localidade a plantación de árbores que sirvan de materia prima para a confección deste tipo de cestos, como castiñeiros e carballos. A comercialización de cestos de láminas de madeira orientados a usos máis modernos ofrecería unha interesante alternativa aos produtos de plástico, que desde hai tempo supoñen un grave problema para o medio ambiente.


Tramas de vimbios, achega á cestería

Historia, tradición, innovación nun documental de Julia de la Cal

Tramas de vimbios, achega á cestería

Este pequeno documental propón unha viaxe pola historia recente da cestería. Comeza cunha escolma de imaxes do arquivo fotográfico do Porriño nas que se pode apreciar a importancia que tiveron os cestos na vida cotiá da primeira metade do século XX. Fotografías de mercados, romarías, feiras de gando e retratos onde o cesto ocupa un lugar humilde pero funcional.

Continúa unha entrevista a Josefa Souto, unha das poucas cesteiras tradicionais que conservan viva a esencia do oficio, combinado cas labores agrícolas e gandeiras nunha economía rural, facendo cestos para a froita e as patacas con vimbio do país.

Para rematar, acompaña a Julia de la Cal, cesteira do Porriño, facendo unha serie de pezas contemporáneas de cariz experimental que forman a intervención escultórica Tramas de vimbio, contedores de historias. Este conxunto, realizado integramente con fibras vexetais, foi exposto na contorna da capela de San Bieito co gaio das festas de 2020, marcadas pola pandemia da Covid-19.

A proxección  ven acompañada polo resumo da xornada Tramas de vimbio. Achega á cestería, que consistiu nunha visita divulgativa ao cultivo de vimbio de Julia de la Cal, onde se fixo o parladoiro Das vimbieiras ás cestas e tamén unha charla de Marcelo Rodríguez: Vexetación e diversidade de ecosistemas. A Praza de San Sebastián acolleu unha exposición fotográfica e mostra de cestería tradicional. A xornada rematou coa a demostración de cestería contemporánea de Julia de la Cal, na que completou unha das pezas que formaban a intervención no espazo de San Bieito.

Obradoiros de vimbios "Cabana de vimbio"


Cartel Festas do Cristo 2021. Concello do Porriño


Cabecera-web-ecultura.png