| Xoves 13 de setembro. 2018
| Ás 20:00 h.
| Carpa do Roxy » ver mapa
| Entrada libre e de balde ata compretar aforo
| Patrocina: Deputación de Pontevedra
Espectáculo teatral do Grupo Chévere contra a violencia machista e as desigualdades.
As Fillas Bravas son tres mulleres, que tocan e cantan o que lles peta como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai, porque todas son fillas do vento, mulleres de andar a pé do toxo, orgullosas de vir de tras da silveira, cantoras dunha estirpe de voces furtivas que berran entre raposos.
Con esta peza, interpretada polas actrices Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar, Chévere segue a explorar as posibilidades dun teatro con perspectiva de xénero, dando continuidade a traballos que cuestionaron a rixidez dos xéneros (Testosterona), que reivindicaron as voces silenciadas dunha forza de traballo feminina que segue levantando imperios económicos na era da globalización (Citizen), que promoveron unha lectura crítica dos valores machistas que transmiten as cancións románticas (I’ll be watching you).
Nesa liña de traballo, As Fillas Bravas veñen para reafirmar modelos empoderados de muller, vencellados a expresións culturais tradicionais que agochan berros emancipatorios e cantos de rebeldía insospeitados.
As Fillas Bravas é tamén un traballo de investigación sobre a sexualidade, as relacións de xénero e os roles da muller na sociedade tradicional que aparecen reflexados nas coplas do cancioneiro popular galego, para o que se fixo un traballo de procura, escolma e adaptación de textos de transmisión oral publicados desde a segunda metade do século XIX.
Chévere
Chévere é unha compañía con máis de 25 anos de traxectoria, comandada por Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Xron e Manuel Cortés e gañadora del Premio Nacional de Teatro 2014. Dende a súa creación, a compañía actuou en centos de vilas e cidades de toda Galicia, España, Portugal e outros países europeos, latinoamericanos e africanos.
Chévere ten feito espectáculos de moi diferentes estilos e formatos e ten traballado en espazos pouco convencionales. Sempre co humor como filosofía e o sorriso como expresión, as súas obras levan ao escenario os debates do presente cunha linguaxe contemporánea accesible a públicos moi diversos.
O seu compromiso coa creación contemporánea e coa dinamización de contornas locais levou a compañía a crear a Nave de Servizos Artísticos-Sala Nasa en Santiago de Compostela, un espazo cultural independente no que Chévere asumiu la dirección artística dende 1992 a 2011 e que se converteu nun nodo especialmente activo da escena alternativa española.