| Sábado 14 de setembro. 2024
| Ás 20:00 h
| Círculo Recreativo Cultural » ver mapa
| Entrada libre e de balde ata completar prazas
Un espectáculo da compañía A Panadaría
“As que limpan”
Un cartel pendurado no manubrio da porta: «Por favor, arranxe o cuarto». Ao regreso da praia, as camas feitas, as toallas limpas e o baño impoluto. Son as que limpan, as invisibles que carretan ao lombo un sistema turístico precarizador.
As que limpan é unha sátira utópica inspirada na loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por conseguiren uns dereitos laborais e sociais xustos. Fronte a elas, a avaricia voraz dos propietarios das cadeas hoteleiras. Hai quen nunca limpou un váter e hai quen limpa 500 ao mes.
Premios a “As que limpan”
- Premio do Público na Mostra de Teatro Galego de Cariño 2022
- Premio a Mellor Espectáculo de Sala na Feria de Teatro de Castilla y León 2022
- Premio María Casares a Mellor Espectáculo 2023
- Premio María Casares a Mellor Dirección 2023
- Premio María Casares a Mellor Texto Orixinal 2023
- Premio María Casares a Mellor Actriz Protagonista (Noelia Castro) 2023
- Premio do público da Mostra Internacional de Ribadavia 2023
A Panadaría
A Panadaría abre o seu forno teatral en 2013 en Vigo. As súas fundadoras (Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman) amasan un teatro que renuncia aos elementos escenográficos para rebordar humor acedo, música vocal e unhas interpretacións lúdicas e habilidosas que nos levan por un camiño de transgresión hilarante e profundamente político. Nesta década de traballo creativo estrean as montaxes Pan!Pan! (2013), Panamericana (2015), a multipremiada Elisa e Marcela (2017, en coprodución co Centro Dramático Galego) e As que limpan (2022, en coprodución co Centro Dramático Nacional).
Bolado, Castro e Kendelman cren en procesos creativos colectivos e levan a participación e a reflexión en comunidade aos seus proxectos sociais e pedagóxicos como Tortigrafías (unha cartografía cuir e crítica de distintas cidades galegas), Parolas Inútiles (conversas interxeracionais e improdutivas) ou Mulleradas (un arquivo do pracer e o desexo en mulleres a partir dos 50).
Outro dos compromisos de A Panadaría é a de conformar equipos de traballo íntegros de mulleres, priorizándoas sempre nos seus procesos de selección. A intención, a de rachar así coa inercia da presenza masculina nos postos directivos e técnicos.
As integrantes de A Panadaría son, en palabras da crítica, «o altofalante perfecto para facer tremer a sociedade».
A Panadaría recibiu até 21 premios autonómicos e estatais que recoñecen a calidade da súa aposta artística e o seu compromiso transversal feminista e LGTBIQ+, entre eles o Premio da Crítica Galicia 2015, Premio Luísa Villalta 2017, Premio Alas 2018, nove Premios María Casares, Premio Begoña Caamaño 2020 ou o Premio Pluma 2021.