Teatro infantil: Concerto singular

| 17 de marzo. 2017
| Ás 19:00 h.
Círculo Recreativo e Cultural » ver mapa

Píscore. Concerto singular

Un espectáculo da compañía Píscore.

Que pasa cando se convoca a catro grandes solistas para un único concerto? Catro prestixiosos músicos fronte a un gran conflito: 16 baquetas e unha única marimba. Eles están dispostos a facela soar da maneira máis orixinal e asombrosa. Organizarse si que non vai ser tan fácil…

Píscore achéganos a mellor música e moito humor para un concerto singular nunha proposta que se encadra na liña dos grandes espectáculos que mesturan o virtuosismo musical e os ritmos coa comedia xestual, o clown e a participación do público.

Unha compañía que naceu na primavera do 2016 e que homenaxea co seu nome á famosa “Esther Píscore”, trasunto da musa da danza, Terpsícore, nun coñecido gag de Les Luthiers. Teñen a premisa de facernos rir desde o virtuosismo musical, a elegancia e unha estética moi próxima á comedia xestual máis clásica.

Catro actores/músicos con ampla formación musical e experiencia escénica, dirixidos por Fran Rei, alcanzan un punto interesante nas súas producións. A súa primeira proposta é Concerto Singular, un show que vira ao redor dunha marimba e a dificultade de catro músicos para sacarlle partido. Equívocos, probas, solucións tolas… Ata que por fin conseguen poñerse de acordo e sacar un son incrible despois de moitas risas.


Cabecera-web-ecultura.png