Teatro: O cego dos monifates. Romance de cans

| Venres 11 de maio. 2018
| Ás 10:30 h.
| Actividade concertada, organizada polo servizo de Cultura e Lingua da
Deputación de Pontevedra. Deputación de Pontevedra – Ano da Lingua
Centro Cultural Municipal do Porriño » ver mapa

O cego dos monifates - Romance de cans

O Romance de Cans, ou como un día se atoparon nun arrabalde perdido dous canciños de mundos distintos para unir os seus destinos.

Un romance de cego baseado no conto “Can branco, can negro”, de María Victoria Moreno, homenaxeada polo día das Letras Galegas.


A BASE DO ESPECTÁCULO

A compañía de maese Seisdedos, cego e monicrequeiro ambulante, representa, usando a técnica tradicional do bululú galego, na que o “lazarillo” manipulaba os bonecos, oculto na capa do cego que tocaba a zanfona, contos medievais (Joan de Timoneda, Lope de Rueda,…) e populares; romances históricos (A nau Catrineta, D. Martiño…); romances de cego (Crime de Caldas…); pequenas pezas teatrais e cancións tradicionais (O sacristán de Coimbra…). Nestas representacións reflíctese sempre a dinámica clásica da picaresca e enganos entre cego e lazarillo. Incorpóranse amais a este espectáculo algúns bonecos tradicionais xa desaparecidos para realizar algúns sketchs nos que prima a participación do público con danzas e cancións.

O espectáculo é moito máis ca unha recreación nostálxica de formas escénicas, de entretemento e didactismo moral da época medieval ou de entretemento popular nos séculos XVIII e XIX. Lonxe de seren formas caducas, a pervivencia temática e o estímulo sensorial e festivo ao que o espectáculo nos exhorta, a calidade artesanal da construción dos elementos sonoros e visuais, a apelación á realidade e ao contexto de cada lugar onde esta parella desprega o seu mundo de historias de diversa procedencia, fan desta obra un exemplo único ao non se restrinxir a un mero principio arqueoloxizante, confeccionado con agarimo e rigor en cada un dos seus códigos e na selección dos elementos que se converten nun renovado reclamo itinerante por rúas e prazas.


O ROMANCE

No ano no que a Real Academia Galega homenaxea a María Victoria Moreno co Día das Letras Galegas, o espectáculo do Maese Seisdedos, renova e amplía o seu repertorio co Romance de Cans. Un novo Romance creado en base a un dos contos recollidos no libro “Eu conto, ti cantas…”

O propio estilo e a métrica que María Victoria Moreno utiliza neste conto fai que a súa adaptación sexa doada, mesmo parece que fora unha historia escrita para representar dentro deste espectáculo.

Para a súa representación, utilízanse a técnica do bululú galego, marionetas e cancións, que recrean as historias de Nico e Correcamiños, os dous canciños protagonistas do conto “Can branco, can negro”


A COMPAÑÍA

En 1982 Anxo García, Pilar Álvarez e Xulio Balado forman a compañía Viravolta Títeres.

No ano 1994 no seo de Viravolta nace Seisdedos, compañía centrada na produción de espectáculos de medio e pequeno formato, onde prima a interacción co público e se combinan técnicas de actor con técnicas dos títeres. Ademais da produción e distribución de espectáculos de monicreques realizan outras actividades: cursos, exposicións, programacións (Titerentroido, Titirideza e Cantos e contos do Nadal); sempre relacionadas co mundo da marioneta.

Nestes 35 anos contribuíron á dinamización da cultura galega, entendida nun sentido amplo, e levan participado en numerosas feiras do libro e circuítos culturais.

No ano 2001 crean xunto ao Concello de Lalín, o Museo Galego da Marioneta, dentro do Pazo de Liñares. Un espazo creado para o gozo, estudo e recuperación da arte das marionetas.


O cego dos monifates. Romance de cans


Patrocinio Deputación 2018 Cabecera-web-ecultura.png