Teatro: Pan con chocolate

| Sábado 20 de decembro. 2025
| Ás 19:30 h
Centro Alba de Torneiros » ver mapa
| Entrada libre e de balde ata completar prazas

Teatro: Pan con chocolate

Compañía: Ollomao Teatro
FEGATEA, Federación Galega de Teatro Afeccionado


Tres “nenos” e tres “nenas” que se acaban de “retirar” reúnense para celebrar a xubilación da máis nova dos seis e, inevitablemente, recordan as cousas da súa vida, de cando, efectivamente, eran nenos e nenas. Así, pouco a pouco, van saíndo temas que a todas e todos nos resultan familiares. E así, da súa man, imos recreando aquel mundo dos anos 60-70 do século pasado.

Un mundo no que os nenos e nenas soñan con marchar da aldea para acadar unha vida “mellor” na cidade ou mesmo no estranxeiro (Francia, Alemaña, Suíza)… No que aínda perduran (e canto tempo seguirán perdurando!) vellas ideas fondamente arraigadas. Ideas que farán que haxa xente que marche da aldea non só pola atracción urbana senón tamén pola exclusión social na propia aldea. É o caso dos fillos, e nomeadamente das fillas de solteira.

Un mundo de… amigos e amigas que comparten as súas inquedanzas e as súas dúbidas. Un mundo de descubrimentos constantes, de aprendizaxe continuo, non sempre o máis axeitado, pero sempre necesario.
Un mundo, no que as curandeiras e curandeiros, as compoñedoras e compoñedores, substitúen a inexistente atención sanitaria. No que aínda quedan “escapados” polos montes; “tolos e tolas” para os que a guerra aínda non acabou.

Un mundo de… nenas e nenos que están descubrindo a sexualidade. Unha sexualidade convenientemente “filtrada” pola omnipresente igrexa. A relixión sempre no centro das súas vidas para “encher de pesadelos os nosos soños e de culpabilidade os nosos corazóns”. De todos os xeitos, os recordos, as lembranzas, por malas que foran, sempre se van suavizando co paso do tempo. Por moi mal que o teñas pasado cando eras nova, cando volves a vista atrás, recordas aqueles anos con tenrura, con agarimo,…, con nostalxia,…eu que sei…

O caso é que cando se xuntan tres ou catro persoas daquela xeración, sempre, sempre, sempre, se veñen á cabeza aquelas merendas de pan con chocolate.


Ollomao Teatro

O grupo de teatro do Colectivo Cultural Ollomao iniciou a súa andaina en xaneiro de 2013 coa estrea da súa primeira produción “Os vellos non deben de namorarse” de Castelao. Con esta obra realizou 11 funcións con máis de 3000 asistentes.

Desde aquel momento seguiu funcionando de xeito ininterrompido (agás na pandemia) e puxo en escena sete producións: Oé,oé, oé!, Noite de Reis, Catro contos, Enciclopedia Álvarez, O documento, Pan con chocolate e O traballo de Andrea.

Nos anos 2014 e 2015 pon en marcha unha novidosa actividade baixo o título de “Teatro nos bares” que consiste na posta en escena de varias micropezas teatrais que se representan nos bares das distintas parroquias do concello de Barreiros.

Na actualidade, o grupo de teatro Ollomao ten en cartel dúas obras: Pan con Chocolate e O traballo de Andrea coas que está empezando a xirar.




Teatro: Pan con chocolate


Fegateatro 2025


Cabecera-web-ecultura.png