| Xoves 11 de outubro. 2018
| Ás 20:30 h.
| Centro Cultural Municipal do Porriño » ver mapa
| Entrada libre e de balde ata completar aforo
R.E.M.
R.E.M. é unha proposta onírica baseada nos soños das persoas que compoñen o grupo de teatro comunitario da sala.
O novo proxecto do Teatro Comunitario da Sala Ingrávida decide explorar o mundo dos soños e os mecanismos que producen no ser humano o feito de facelo. Soñar nun sentido amplo, estético e metafórico, asi é como desta vez queren contar que a sociedade cada vez soña menos, desexa menos, está insensibilizándose culturalmente e para iso está tomando “pílulas para non soñar”.
A súa aportación nesa nova viaxe teatral é ofrecer ao público a posibilidade de repensar a realidade. Unha realidade que está colonizada polos fármacos e polas farmaceúticas, onde semella que xa non somos quen de crear os nosos estímulos, nin sequera quen de cronstruir os nosos propios soños, semella que a manipulación xa se instalou no noso subconsciente.
Co escenario como ferramenta porán en pé soños da comunidade que nos vai permitir coñecérmonos, crear vínculos e reflexionar sobre o estado de anmesia cultural que padecemos.
Nesta obra o Teatro Comunitario atrévese a penetrar nas estruturas dos soños, nos mecanismos que nos diferencian dos zombies e asi plantexar a realidade dunha sociedade narcotizada. Cada vez soñamos menos e iso nótase, anestesiamos os nosos sentidos e non somos quen de percibilo, precisamos dun grupo de persoas que se atreva a demostrar que as pílulas non acougan a alma e moito menos a conciencia.
Asi é como queren denunciar a falta de acción cultural, transformando o escenario nunha fábrica de soños que lles permita contrastar co público a súa tese, que expón unha sociedade gris e opaca que ten como obxectivo cumprir na vida con todas as cadeas que inventou o neoliberalismo xunto cas farmaceúticas para non sentir. Nin dor, nin pracer, nin rabia, nin indignación… e sobre todo que non nos permita pensar e asi seguir traballando para a engranaxe mortal namentres a nosa vida esmorece.
Un proxecto novo e completamente diferente.
O grupo de teatro comunitario da Sala Ingrávida pasou por: unha sitcom teatral con “Defecto de Forma”, un narco-culebrón con “A vinganza da becha” e unha serie documental coas historias da vila con “Por Catro Perras”…