| Sábado 28 de outubro. 2023
| Ás 20:00 h
| Centro Cultural e Veciñal As Mimosas de Carracido » ver mapa
| Entrada libre e de balde ata completar prazas
Un espectáculo da compañía Tiruleque Teatro
Fegateatro | Plan Cultural Escénico 2023
Nunha imaxinaria situación histórica, social e xeográfica, o magnate Ramiro Soutelo, alma mater do emporio “Soutelo Enterprise”, medra ó abeiro das amizades políticas e xudiciais, entre as que son moeda corrente as corruptelas e os cartos en negro para facer valer as súas ambiciosas ansias de poder económico e político, sen que tales actividades lles causen desacougos nin remorsos a ningún dos seus actores. As lapas da conciencia apáganse co mellor extintor coñecido: o diñeiro.
Unha comedia aceda contada entre risas e prantos, na que nos preguntamos: Que ten que ver Lionel Messi con Paquiño Cagarolas? Por que Anselmo ten uns gayumbos de Kevin Clain e Benito de Calvin Klain? Milucho, o alcalde de Buxo, será tal de matar todas as vacalouras do concello? Non lle sería máis práctico a don Damián voar no seu jet privado? Perderá o Boca Juniors ese partido contra o Paris Saint-Germain? Por que Carmiña non quere patacas con cherelos e Lela ten problemas sexuais co seu Rafa?
Tiruleque Teatro
Tiruleque Grupo de Teatro é unha asociación cultural sen ánimo de lucro que, dende a súa primeira actividade e fundación o 5 de Marzo de 1985 (oficialmente no 1988) ven desenvolvendo distintas actividades, con participación activa na cultura do Carballiño, non só con actos propios, senón tamén axudando a outras entidades para mellorar toda caste de actos culturais. Por iso véñense tocando tódalas frontes posibles, incluíndo actividades para nenos, dende os máis cativos ata estudantes de bacharelato – FP ou xubilados. Con algúns momentos de inactividade, altérnanse outros de traballo a reo en tódolos eidos da cultura nos que se poda axudar ou emprender camiño.