Teatro: Tres porquiños

| Sábado 24 de outubro. 2026
| Ás 19:00 h
| A.VV. San Salvador de Torneiros » ver mapa
| Entrada libre e de balde ata completar prazas

Teatro: Tres porquiños

Un espectáculo da compañía Chirlomirlo Teatro
Organiza: A.VV. San Salvador de Torneiros | Colabora: Concello do Porriño


A Asociación Veciñal San Salvador de Torneiros organiza unha nova cita co teatro coa representación de “Tres porquiños”, unha obra da compañía Chirlomirlo Teatro que combina humor, sátira e personaxes dos contos populares para achegar ao público unha divertida reflexión sobre unha problemática moi actual: o acceso á vivenda.

Creada polo propio grupo, “Tres porquiños” revisa o coñecido conto infantil dos tres porquiños, convertendo os seus protagonistas en tres construtores con diferentes estilos e maneiras de afrontar a construción das súas casas. A partir desta particular premisa desenvólvese unha historia na que tamén farán a súa aparición outros personaxes clásicos, como Cincenta ou Brancaneves.

A proposta emprega o humor e a sátira para trasladar os personaxes dos contos tradicionais á realidade actual, abordando as dificultades relacionadas coa vivenda desde unha perspectiva desenfadada e pensada para entreter ao público.

A representación de “Tres porquiños” terá lugar o sábado 24 de outubro, ás 19.00 horas, na sede da Asociación Veciñal San Salvador de Torneiros.



Chirlomirlo Teatro

As orixes de Chirlomirlo Teatro remóntanse ao ano 1955, cando o párroco de Randufe, Gerardo Fernández Ramiro, impulsou entre a mocidade da parroquia a afección polo teatro e a música. A partir de 1978, o grupo iniciou unha nova etapa e comezou a representar as súas obras en galego.

Desde finais de 2014, a compañía experimentou unha renovación tanto estética como temática, continuando cunha traxectoria na que figuran montaxes como “Aquí non se paga”, de Dario Fo, estreada en 2018, ou “Miles Gloriosus”, presentada en 2019.


Teatro: Tres porquiños