Tes Talento?. Inscricións 2024

| Inscricións do 17 de agosto ao 10 de setembro. 2024
| Rexistro Xeral do Concello do Porriño ou de xeito telemático, a través da sede electrónica do Concello do Porriño
| Semifinais: 20 e 21 de setembro. Final: 29 de setembro

Tes Talento?. Inscricións 2024

A Concellería de Festexos do Concello do Porriño convoca o Concurso de Novos Talentos Musicais Val da Louriña. Tes talento?, configúrase como un concurso musical dirixido ao descubrimento de novos talentos cuxo fin derradeiro é o de darse a coñecer en todos os seus ámbitos, impulsar actividades culturais no Concello do Porriño, así como promover músicos/as emerxentes nun concurso musical estruturado en varios concertos en directo.

Este concurso está dirixido a artistas afeccionados que desenvolven a súa vocación musical en España, en distintos estilos musicais.

As bases rexerán a participación e concesión de premios para aquelas persoas que se presenten ao Concurso Novos Talentos Musicais Val da Louriña 2024. Tes Talento?


Participantes

Poderán participar neste concurso todas aquelas persoas que o desexen, con límite de idade:

  • Na modalidade infantil, ata os 15 anos inclusive (persoas nacidas en 2009 ou con posterioridade)
  • Na modalidade de adultos/as, de 16 anos en diante (persoas nacidas en 2008 ou con anterioridade)

Poderán presentarse grupos musicais ata un máximo de catro compoñentes nas dúas modalidades.


Inscricións

O prazo de inscrición será dende o día seguinte á publicación destas bases no taboleiro de anuncios municipal e rematará o día 10 de setembro de 2024 ás 14 h, ambos os dous incluídos.

As inscricións poderán presentarse de modo presencial no Rexistro Xeral do Concello do Porriño (de luns a venres de 9 a 14 h.) ou de xeito telemático, a través da sede electrónica do Concello do Porriño mediante impreso normalizado que se poderá descargar nesta web (máis abaixo).

Achegarase a seguinte documentación, debidamente cuberta e asinada:

  • A solicitude de inscrición, que figura como ANEXO I.
  • A autorización para a participación de menores no Concurso, ANEXO II.

Datas de realización

O concurso desenvolverase no Concello do Porriño e quedará fixado nunha primeira fase preliminar (pechada ao público), ou preselección, o día 13 de setembro (infantís e adultos/as) no auditorio do Centro Cultural Municipal a partir das 20:00 h.

Os adultos terán unha semifinal, celebrarase os días 20 e 21 de setembro, na praza Arquitecto Antonio Palacios ás 20 h (en caso de chuvia será no Círculo Recreativo Cultural do Porriño).

A final de infantil e de adultos será o día 29 de setembro ás 18 h na praza Arquitecto Antonio Palacios (en caso de chuvia no Pavillón Municipal de Deportes).


Requisitos de actuación

De cara á planificación dos concertos, a organización achegará toda a instrumentación ou backline necesaria para a súa realización.

Todos os/as artistas participarán coas mesmas condicións (mesmo espazo, instrumentos…), polo que o resultado dependerá da súa actuación e calidade persoal.

O tempo de actuación será de tres minutos como máximo.

É obrigatorio levar unha copia da base musical segundo indique a organización.

A temática e o idioma son libres, así coma o estilo musical escollido.
Non poderán participar, quedando automaticamente excluídas, aquelas persoas concursantes que utilicen cancións con termos vulgares, ou intimidatorios, de carácter racista ou discriminatorio.


Xurado

O xurado estará constituído por un comité de observación e valoración de premios, e composto por unha serie de membros en número impar.

O veredicto do xurado será definitivo e os competidores aceptarán esta decisión. A votación e as decisións do xurado son inapelables.


Premios

Os premios establecidos pola organización son os seguintes:

Persoas Adultas:

  • Primeiro premio: 400,00 € trofeo e gravación dun tema ou vídeo promocional.
  • Segundo premio: 250,00 € e trofeo.
  • Terceiro premio: 150,00 € e trofeo.

Infantís:

  • Para os/as tres finalistas clasificados/as: un lote de produtos escolares e un trofeo.

Os premios estarán suxeitos á normativa fiscal que proceda aplicar.


Observacións xerais

Calquera aspecto da organización e/ou competición que non estea recollido nos apartados anteriores será resolto polo comité de organización.

O Concello do Porriño resérvase o dereito de modificar, se fose necesario, o desenvolvemento, o lugar, a data e a hora das actuacións.

En caso de non chegar a un número mínimo de participantes, a organización resérvase o dereito á cancelación do concurso.

O incumprimento de calquera dos apartados das presentes bases leva implícita a perda dos premios e os títulos que lle puidesen corresponder.

A participación no concurso supón a aceptación expresa e sen reservas das presentes bases. O incumprimento das bases por parte das persoas participantes determinará a súa inmediata descualificación.


DESCARGA DE DOCUMENTOS DE PARTICIPACIÓN

Botón descarga as bases do concurso

Botón descarga documento de inscrición



Cartel Festas do Cristo 2024


Cabecera-web-ecultura.png