| Ata o venres 23 de xaneiro. 2026
| Recollida dos carteis no Centro Cultural Municipal » ver mapa
| Actividade concertada cos centros de ensino do Porriño

Concellería de Educación e Normalización Lingüística e OMIX do Porriño
A Concellería de Educación e Normalización Lingüística e a OMIX do Concello do Porriño convocan o V Concurso Escolar de Carteis de Entroido como xeito de promover esta festa entre a cidadanía.
As bases rexerán a participación e a concesión de premios para as persoas da comunidade escolar que se presenten ao V Concurso Escolar de Carteis de Entroido do Porriño 2026.
Descrición
- As alumnas e alumnos participantes crearán un cartel coa temática do Entroido galego para promocionar esta festa no Concello do Porriño.
- As características do cartel presentado deberán ser: tamaño A3, formato papel ou cartolina e as ilustracións poderanse realizar coa técnica creativa que escolla cada alumna/o (ceras, acuarelas, colaxe, carbón,… ou calquera outra que estime a comunidade escolar, agás purpurina).
- A mensaxe que conteña o cartel do Entroido presentado deberá estar escrita en lingua galega e valorarase, de xeito especial, o xogo coa lingua, sexa mediante rimas, cantigas (tradicionais ou inventadas), refráns ou frases feitas asociadas a esta época do ano. En todo caso, sempre deberá engadir o seguinte texto:
ENTROIDO 2026
CONCELLO DO PORRIÑO - Cada centro poderá participar con ata 5 carteis por categoría.
- A participación será individual, de xeito que non se aceptarán carteis con varias/os autores/as.
- Na parte posterior do cartel figurará o nome da alumna ou alumno, a súa idade, o curso escolar e o centro educativo ao que pertence.
- As obras serán, necesariamente, orixinais e inéditas; de maneira que quedarán descualificados os carteis repetidos.
- O Concello do Porriño resérvase o dereito de non publicar aqueles carteis que considere que atentan contra a legalidade ou a dignidade das persoas e/ou institucións.
Persoas participantes
Poderá participar o alumnado dos centros educativos do Porriño con idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos, así como o alumnado de Aceesca (este último sen límite de idade).
Entrega de carteis
- Os carteis poderanse entregar ata venres día 23 de xaneiro de 2026 no Centro Cultural Municipal do Porriño.
- Todos os carteis serán expostos ao público na sala de exposicións do Centro Cultural Municipal (2º andar), así coma nas redes sociais do Concello do Porriño durante as festas do Entroido.
- O Concello do Porriño non se fai cargo de posibles subtraccións destes.
Premios
Establécense 3 categorías de acordo coa idade (participantes de 6 a 8 anos; de 9 a 12 anos e de 13 a 16 anos), nas que haberá, para cada unha delas, 1º, 2º e 3º premio, baseados en artigos de material escolar. Ademais, o xurado resérvase o dereito de conceder un accésit á creatividade e/ou diversidade dalgunha obra que destaque por ofrecer unha visión única ou un enfoque especialmente orixinal.
Escollerase un cartel gañador de entre todas as persoas participantes, que será a imaxe escollida para promover o Entroido do concello do Porriño 2026. A persoa autora deste cartel será unha das pregoeiras do Entroido 2026 e as/os demais premiadas/os poderán acompañala no balcón da Casa Consistorial.
A entrega de premios e as persoas gañadoras serán anunciadas nas redes sociais deste Concello, así como notificadas aos centros educativos pertinentes.
Xurado
O xurado estará constituído por un comité de observación e valoración de premios, nomeado por resolución de Alcaldía, e composto por unha serie de membros en número impar.
Valorarase a técnica creativa, o uso da lingua galega e a composición xeral do cartel, de acordo cos criterios apropiados a cada grupo de idade.




