Venres máxico. Dani García: volta á maxia

| Venres 8 de febreiro. 2019
| Ás 18:00 h.
Centro Cultural Municipal do Porriño » ver mapa
| Recomendado para público familiar
| Entrada libre e de balde ata completar aforo

Dani García: volta á maxia

Un espectáculo máxico de Dani García.

Benvidos ao primeiro show de maxia onde o público é quen decide o guión do espectáculo. Nada está escrito nesta montaxe que se camufla baixo a parodia dun concurso televisivo onde lle daremos unha volta á maxia, unha volta á nosa ruleta. Así, o azar porá en xogo a sorte do mago. Non haberá preguntas por resolver. Nin segundos que gañar. Os espectadores teñen o control do que sucede sobre o escenario. O mago acompáñaos nestas reviravoltas que van conducindo a maxia a un sorprendente efecto final, unha última sorpresa que, a medio camiño entre a realidade e a ilusión, non deixará indiferente a ninguén. Esta é unha obra de maxia infantil, só apta para nenos e nenas, aínda que xa peiteen canas.


Dani García

Desde que en 2004 Dani García fundara a súa propia compañía co obxectivo de producir e interpretar os seus propios espectáculos, o prestixio do seu nome non deixou de medrar. Na actualidade e tras unha década de traballo, Dani García compaxina as actuacións en Galicia con estancias, funcións e formacións nos Estados Unidos. Dani García recolleu así os froitos da súa formación nas diversas ramas da interpretación e da escena. Esa bagaxe permítelle crear producións propias que son auténticas obras de teatro máxicas, onde todo ten un porqué e unha lóxica que fai do ilusionismo algo intanxible, pero próximo para o público.

Premios: 1º Premio Michigan Magic Day, o 2º Premio Close Up Contest IBM Rising de St. Louise ou o 2º Premio TAO M Texas.



Dani García: volta á maxia


Cabecera-web-ecultura.png